A Xunta difunde a produción escénica galega no Mercartes de Valladolid á fronte dunha delegación de 10 compañías e entidades

  Baixo o lema Galicia en escena, o stand da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ponse ao servizo da difusión dos espectáculos galegos no principal mercado estatal para o intercambio comercial neste sector

  Forman parte desta misión Ainé Producións, Cía. Elvi Balboa, De Ste Xeito Producións, Culturactiva, Ibuprofeno, Nova Galega de Danza, Producións Dispersas, Redrum Teatro e Teatro Ensalle, ademais da asociación empresarial Escena Galega

A Xunta difunde a produción escénica galega no Mercartes de Valladolid á fronte dunha delegación de 10 compañías e entidades
[30/11/2021]
A novena edición do mercado das artes escénicas Mercartes arranca hoxe en Valladolid, onde a Xunta de Galicia promove o teatro e a danza de Galicia á fronte dunha delegación empresarial e institucional da que forman parte outra decena de entidades e empresas de produción e distribución de espectáculos. A súa actividade centralizarase no stand Galicia en escena, que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade pon á disposición das compañías galegas para a difusión dos seus novos traballos.

Ata o recinto feiral de Valladolid desprazouse unha representación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e da asociación empresarial Escena Galega, así como de Ainé Producións, Cía. Elvi Balboa, De Ste Xeito Producións, Culturactiva, Ibuprofeno, Nova Galega de Danza, Producións Dispersas, Redrum Teatro e Teatro Ensalle.
 
stand da Xunta de Galicia sírvelles de epicentro para a difusión das súas últimas producións, ademais de como espazo para a celebración de xuntanzas cos responsables de festivais, circuítos e teatros de toda España que se dan cita ata o vindeiro xoves no que é o principal mercado a nivel estatal para o intercambio comercial no ámbito das artes escénicas. Pola súa banda, Escena Galega presentará no mercado o seu novo catálogo, a través do que difunde o traballo de todas as súas empresas asociadas.
 
Asemblea de La Red
Así mesmo, a Agadic estará presente na segunda asemblea anual de La Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública (La Red), da que forma parte, e que incluirá a presentación dos seus últimos cadernos de espectáculos recomendados.
 
A Federación Estatal de Asociaciones de Empresas de Teatro y Danza (Faeteda) e La Red organizan Mercartes, cuxo obxectivo é impulsar o peche de acordos comerciais entre os diferentes axentes públicos e privados que interveñen nos procesos de produción, distribución e exhibición das artes escénicas. Tras unha anterior edición virtual en 2020, este ano recupera o seu formato presencial con 1792 metros cadrados de exposición e 120 stands

-Web de Mercartes