A Xunta anuncia en Culturgal as iniciativas para impulsar o sector dos videoxogos a través do Hub Audiovisual

  O director da Agadic, Jacobo Sutil, intervén cos representantes da asociación Videoxogo.gal, cos que colabora na primeira iniciativa autonómica de fortalecemento deste sector con gran capacidade de crecemento

  Avanza o deseño dun polo de aceleración, unha proposta para axudar a emprendedores e empresas a axilizar a saída ao mercado dos seus produtos

  O Goberno autonómico creará un fondo de desenvolvemento de videoxogos a través dunha liña dirixida a produtoras cun investimento de 400.000 €

A Xunta anuncia en Culturgal as iniciativas para impulsar o sector dos videoxogos a través do Hub Audiovisual
[27/11/2021]
A Xunta de Galicia continúa hoxe o seu programa de actividades na feira Culturgal, que se desenvolve desde onte no Pazo da Cultura de Pontevedra. Entre as diferentes presentacións, sobresae a centrada nas principais iniciativas para impulsar o potencial do sector do videoxogo a través do Hub Audiovisual, deseñadas pola Xunta de Galicia en colaboración coa asociación Videoxogo.gal.


O director da Axencia das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e Manuel Rey e Luz Castro, secretario e tesoureira de Videoxogo.gal, así como representantes de catro destacadas empresas galegas do sector, abordan os proxectos que están a ultimar nestes momentos: Intruder in Antiquonia, de Aruma Studios; The Waylanders, de Gato Studio; Super Woden GP, de Víctor Justo, e Rai, de Wood Games.
 
Como afirma o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, os catro son un reflexo do talento creativo, técnico e empresarial arredor dos videoxogos en Galicia, razón pola que a Xunta traballa na primeira iniciativa autonómica de fortalecemento e vertebración dun sector con gran capacidade de crecemento. Trátase dun dos principais eixos do Hub Audiovisual da Industria Cultural, que o Goberno galego acaba de poñer en marcha e para o que conta cun orzamento de 9,6 M€ do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), dentro do eixe React-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
 
Referente competitivo e de calidade
No marco do obxectivo global do hub, que busca reforzar a posición de Galicia como referente competitivo e de calidade no contexto global das industrias culturais e competitivas, o sector dos videoxogos será o destinatario dun polo de aceleración empresarial e dun fondo específico para o desenvolvemento de proxectos, ademais doutra serie de accións transversais.
 
No caso do Polo de aceleración do sector dos videoxogos, os seus destinatarios serán os emprendedores e empresas novas para contribuír a axilizar a saída ao mercado dos seus produtos e, en consecuencia, a súa consolidación. Esta iniciativa materializarase a través dun convenio ao abeiro do que se desenvolverán as dúas edicións, cunha duración total de 20 meses desde a súa posta en marcha.
 
En canto ao fondo de desenvolvemento de videoxogos, articularase a través dunha liña de subvencións dotada con 400.000€ destinada ás produtoras galegas, tanto para o seu desenvolvemento empresarial como para levar a cabo proxectos competitivos a nivel global.
 
Programación descentralizada en 2022
Durante a xornada de hoxe, a Xunta completa a súa actividade en Culturgal con iniciativas como a entrega do VII Premio Literario Nortear a Pedro Rodríguez Villar pola súa obra Ou amor das pedras. Ademais, o secretario xeral de Cultura aborda as liñas estratéxicas nas que se centrará a programación cultural de 2022 na que, como apunta, “será unha programación que porá o foco na revitalización do sector, con propostas diversificadas e descentralizadas para que a cultura chegue a todos os lugares de Galicia”.
 
Entre elas, destacan as celebracións do calendario do libro e da lectura de Galicia, a programación conmemorativa do centenário de María Casares con propostas editoriais, escénicas e audiovisuais en Galicia ou fora dela ou a de Laxeiro, homenaxeado no Día das Artea Galegas 2022, Florencio Delgado Gurriarán, no que se centrarán as conmemoracións das Letras Galegas 2022, entre outras. Tamén se aborda a posta en valor  do traballo de Antonio Palacios coa exposición no Museo do Mar de Galicia, en Vigo. Ponse o foco, ademais, en iniciativas como os Premios da Cultura Galega, as feiras do libro galegas e internacionais...
 
O secretario xeral de Cultura leva a Culturgal, igualmente, o Bono Cultura, o programa de descontos en produtos e servizos cultural que a Xunta que está a ter unha excelente resposta tanto entre o sector como entre os galegos que se pode desfrutar ata os 31 de decembro.
 
A Xunta visibiliza as súas liñas de apoio á edición literaria en galego e varias propostas xurdidas ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo. O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentao libro Contos de Roxín Roxal, colección de contos completos de Uxío Novoneyra, así como o libro Certame de Poesía Rosalía de Castro, promovido pola Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cornellá co patrocinio da Xunta de Galicia, e Misarela, de Rodrigo Costoya, editado por Galixia.
 
Máis programación mañá
Tras a xornada de hoxe, a actividade continuará mañá. O programa de residencias artísticas e de exposicións do Gaiás centrará as primeiras atividades da programación da Xunta. Pola tarde abordarase a importancia do Hub Audiovisual da Industria Cultural como apoio para atracción de rodaxes e da que se están a ver os primeiros resultados na serie de televisión Rapa, de Portocabo e Movistar+.
Presentaranse, ademais, varios traballos en marcha no ámbito dixital, como o proxecto Nós de Intelixencia Artificial a iniciativa en colaboración coa USC, para que os sistemas de voz poidan recoñecer e interactuar en galego, propiciando a súa presenza nos novos desenvolvementos tecnolóxicos,  ou o espazo virtual isaacdiazpardo.gal.

Expositor institucional
Este ano, a Xunta achega máis dunha vintena de actividades á programación de Culturgal, ademais de contar cun expositor institución que se pode visitar durante toda a fin de semana. A Xunta de Galicia é o patrocinador principal nunha edición na que, de xeito global haberá un cento de actividades, entre presentacións, faladoiros, proxeccións cinematográficas, obradoiros, concertos e representacións escénicas, ademais de tres exposicións. Estas citas distribuirase por temáticas arredor dos espazos Foro, Libro, Cinema, Infantil, Auditorio e Arte Contemporánea, entre outros. 

-Web de videoxogo.gal