O director de Industrias Culturais subliña a oportunidade de crecemento que o Hub Audiovisual da Xunta lle ofrece ao sector en Galicia

  Jacobo Sutil participou na apertura en Pontevedra do 15º encontro I+P Ideas para producir cun relatorio sobre este novo programa do Goberno galego, que implicará un investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través dos fondos REACT-UE

  A Consellería de Cultura, Educación e Universidade apoia o Clúster Audiovisual na organización deste evento profesional, centrado no pitching de 18 proxectos de cinema e televisión diante de destacados axentes da industria a nivel estatal

O director de Industrias Culturais subliña a oportunidade de crecemento que o Hub Audiovisual da Xunta lle ofrece ao sector en Galicia
[01/12/2021]
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe na apertura da sesión de pitching do encontro I+P Ideas para producir cun relatorio sobre o Hub Audiovisual da Industria Cultural, no que incidiu na oportunidade de recuperación e de crecemento que este novo programa da Xunta de Galicia lles ofrece aos profesionais do cinema e da televisión. Este evento profesional celébrase no Pazo da Cultura de Pontevedra baixo a organización do Clúster Audiovisual Galego, para o que volve contar coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Na súa intervención, o responsable de Industrias Culturais do Goberno galego fixo especial fincapé no fondo para atracción de rodaxes, ao que corresponde a primeira das convocatorias postas en marcha ao abeiro do Hub Audiovisual. Como explicou, as súas diferentes iniciativas están a ser deseñadas pola Xunta en diálogo permanente cos principais representantes do sector e, en conxunto, implicarán un investimento sen precedentes neste ámbito en Galicia, cun financiamento de 9,6 millóns de euros para o período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE.
 
Destacada representación da industria
Sutil interveu diante dos participantes en I+P Ideas para producir, que lles ofrece aos responsables dos 18 proxectos seleccionados a oportunidade de presentalos en formato pitching diante dunha destacada representación de produtoras, distribuidoras, plataformas e canles de televisión como RTVE, CRTVG, Atresmedia, Mediaset España, Movistar+, Amazon Studios, Aragón TV, Filmax, A Contracorriente Films, DEAPlaneta, Bambú Producciones e Portocabo.
 
O director da Agadic expúxolles as principais características da liña de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual, dentro da que xa se publicou unha primeira convocatoria de 2 millóns de euros, á que se sumará a primeiros de 2022 unha segunda coa mesma contía. A serie Rapa, que se está a rodar en Galicia con Portocabo á fronte da produción, é a primeira adxudicataria destas subvencións, para as que o prazo de solicitude continúa aberto ata o vindeiro 10 de decembro.
 
A posta en marcha da Galicia Film Commission, as subvencións para o desenvolvemento de grupos de proxectos, o polo de talento do sector audiovisual, o plan creativo e empresarial para videoxogos e un fondo transversal para o conxunto da industria cultural son outras das principais iniciativas que serán desenvolvidas proximamente ao abeiro do Hub Audiovisual da Xunta.
 
-Clúster Audiovsiual Galego