Nova Galega de Danza, Colectivo Glovo e Javier Martín estrean tres espectáculos coproducidos pola Xunta

  As Pontes acolle mañá as primeiras funcións de ‘Credo’, de Nova Galega de Danza e Lugo as de ‘Tabú’, de Colectivo Glovo

  O sábado chega a Oleiros Javier Martín con ‘Figuras do limiar’ na que será a súa presentación en Galicia

  'Nó', da compañía Elahood, verá a luz o 22 de decembro na Coruña, completando o calendario de estreas das seis pezas coproducidas polo Centro Coreográfico Galego a través das convocatorias de 2020 e 2021

Nova Galega de Danza, Colectivo Glovo e Javier Martín estrean tres espectáculos coproducidos pola Xunta
[02/12/2021]
O calendario de estreas do programa de coproducións de danza que a Xunta desenvolve a través do Centro Coreográfico Galego entra na súa recta final con tres citas esta semana. Mañá venres terán lugar as primeiras funcións de Nova Galega de Danza co espectáculo Credo nas Pontes de García Rodríguez e de Colectivo Glovo con Tabú en Lugo, mentres que Javier Martín exhibirá este sábado en Oleiros Figuras do limiar, na que será a súa presentación en Galicia tras ver a luz o pasado 12 de  novembro no Teatro El Musical de Valencia.

Ademais, o 22 de decembro subirá a escena na Coruña a peza , da compañía Elahood, coa que se completarán as estreas das seis pezas coproducidas polo Centro Coreográfico Galego a través das convocatorias de 2020 e 2021, ás que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade destinou máis de 100.000 euros. Os outros dous títulos apoiados −Festina lente, de VACAburra, e Tres tristes tigres 2.0, de Cía. Kirenia Danza− xa comezaron o seu percorrido hai uns meses.
 
Danza para o Xacobeo 21-22
A primeira das funcións desta semana correrá a cargo de Nova Galega de Danza con  Credo, a súa nova proposta, que representará mañá en sesión dobre, ás 19,00 e ás 21,00 h., no Auditorio Municipal Cine Alovi das Pontes de García Rodíguez. No marco da celebración do Xacobeo 21-22, a agrupación dirixida polo coreógrafo e bailarín ferrolán Jaime Pablo Díaz presenta unha adaptación escénica de Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro.
 
Credo fai referencia á viaxe interior que supón o Camiño de Santiago mediante unha peza que combina a música orixinal de Sergio Moure coas coreografías de Díaz, unindo na mesma liña conceptual os cruceiros de pedra que se atopan na paisaxe galega do percorrido xacobeo.O corpo de danza está composto por Inés Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas, Pablo Sánchez, Ricardo Fernández e Amara Pérez.
 
Completan o equipo artístico desta coprodución Iván Villar −recente premio Max ao mellor bailarín pola súa interpretación en Leira, anterior espectáculo da compañía− como axudante de dirección, Xan Domínguez e Fernando Outañón a cargo dos textos e da dramaturxia, a voz de Alba Moura, o vestiario de Erika Oubiña ou o son de Alberto Beade.
 
No caso do Colectivo Glovo, a estrea de Tabú terá lugar tamén mañá, ás 20,30 h., no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL). A beleza e as interrogantes sobre a historia dunha imaxe do Arquivo Municipal de Allariz, na que que se retrata un equipo de fútbol feminino en 1925, serviron de punto de partida para a construción desta peza, que se mergulla nas travesías emprendidas por mulleres pioneiras.
 
Esther Latorre e Hugo Pereira dirixen o espectáculo, que interpretan xunto a Sybila Gutiérrez, Clara Ferrão e Fran Martínez. A artista e dj Babykatze asina espazo sonoro e o vestiario está realizado en colaboración con Adolfo Domínguez.
 
O corpo en tránsito
O Auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros acollerá o sábado 4, ás 20,30 h., a primeira función en Galicia de Figuras do limiar, a nova proposta do coreógrafo e performer Javier Martín, con 15 anos de recoñecida traxectoria polas súas achegas innovadoras ás artes do movemento. Neste caso, parte da idea de tránsito que deriva da
experiencia de cruzar o limiar e repara, entre outras fontes, no propio acervo cultural galego e nalgunhas das súas figuras espectrais, desde a Santa Compaña ata os diversos personaxes do entroido, como o Peliqueiro ou a Pantalla. Nelas inspírase para construír os sete cadros que conforman o espectáculo.
 
O deseño do concepto, o movemento e os espazos de Figuras do limiar son do propio Javier Martín, que conta coa iluminación de Octavio Más, o son de Abul Mogard, Philip Jeck e Leyland Kirby, a produción e acompañamento de Sabela Mendoza, a técnica visual de Juanma Lodo, o vestiario de Cremallera Studio, Álvaro M. Leiro e Centro Coreográfico Galego, e o apoio audiovisual de Leo López.

Na imaxe: ensaios de Credo, de Nova Galega de Danza. Fotografía: Ignacio Urrutia.