O Centro Dramático Galego comeza a ensaiar 'A peste' con dirección de Cándido Pazó para a súa estrea en xaneiro

  O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle xa o equipo que porá en escena o espectáculo inspirado na novela de Albert Camus

  A montaxe da unidade teatral da Xunta de Galicia aborda de xeito metafórico as grandes pragas causadas polo ser humano reflexiona sobre o comportamento individual e social en situacións de crise

O Centro Dramático Galego comeza a ensaiar 'A peste' con dirección de Cándido Pazó para a súa estrea en xaneiro
[05/12/2021]
O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, comeza no Salón Teatro de Santiago de Compostela os ensaios da nova produción A peste, cuxa estrea está prevista para o 20 de xaneiro nese mesmo escenario. O equipo dirixido por Cándido Pazó, quen asina tamén a dramaturxia, iniciou co traballo de mesa a preparación da posta en escena do espectáculo inspirado na novela homónima do autor franco-arxelino Albert Camus, na que aborda de xeito metafórico as grandes pragas causadas polo ser humano.

Evaristo Calvo, César Cambeiro, Nacho Castaño, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda García, Paku Granxa, Luís Iglesia, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Santiago Prego, María Roja, Santiago Romay e Carlos Sante compoñen o elenco que lles dará vida ás personaxes deste clásico.
 
A peza ofrece unha reflexión sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante situacións de crise. A través do personaxe do doutor Rieux, a historia narra os sucesos na cidade de Orán durante unha praga de peste que a asedia e pon os seus habitantes en corentena. Céntrase nos periplos das persoas encerradas, en como loitan contra a praga e lle buscan un sentido á súa situación, primeiro nunha loita egoísta pola supervivencia, logo a través do esforzo colectivo e comunitario.
 
En marcha dúas producións para 2022
Co comezo destes ensaios, o CDG ten xa en marcha as dúas producións previstas para 2022, xa que a semana pasada arrincaron os de Ás oito da tarde, cando morren as nais, dirixida por Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez. Neste caso a estrea está programada para o 14 abril.
 
As dúas novas montaxes enmárcanse na aposta da unidade teatral da Xunta pola dramaturxia galega contemporánea e polos clásicos, en liña coas deste ano, tamén de adaptación dun clásico, conO charco de Ulises, e de dramaturxia galega contemporánea, con Terceiro acto e Serva me, servabo te. O obxectivo é garantir a pluralidade na escena.