Novas
A lenda internacional Bonnie Tyler actúa mañá en Santiago dentro da programación da Xunta para o Xacobeo 21-22



[06/12/2021]
A lenda do pop-rock internacional Bonnie Tyler atópase xa en Santiago de Compostela para preparar o concerto que ofrecerá mañá no Multiúsos Fontes do Sar dentro da programación promovida pola Xunta de Galicia co gallo do Xacobeo 21-22. A súa actuación, organizada polo Festival Vilablues, conta co apoio económico da Xunta de Galicia a través da convocatoria extraordinaria de axudas para contribuír á recuperación económica das promotoras musicais independentes fronte ao impacto da crise sanitaria.A cantante galesa mantivo un encontro cos medios de comunicación este mediodía, no que estivo acompañada por Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e Gumer Meijón, responsable de Mulas Producións, promotora tanto do Festival Vilablues como do concerto de mañá.
Esta empresa galega é unha das 17 adxudicatarias da devandita liña de subvencións para espectáculos musicais do Xacobeo 21-22. A través dela, distribuíronse 850.000 euros entre diferentes ciclos e shows que se desenvolven nas catro provincias ata finais de ano e suman arredor de 100 actuacións, tanto de artistas e grupos galegos como do panorama nacional e internacional.
Novos temas e grandes éxitos
É o caso de Bonnie Tyler, quen presentará en directo os temas do seu oitavo álbum de estudio, The Best Is Yet to Come, un traballo de pop-rock con marcadas influencias dos anos 80 e que inclúe tanto temas orixinais como catro versións. A lendaria cantante, posuidora dunha das voces máis singulares do panorama internacional, repasará tamén os seus grandes éxitos, como It’s a Heartache, Total Eclipse of the Heart ou Holding Out for a Hero, entre outros.
O concerto de Bonnie Tyler, que dará comezo ás 22,15 h., estará precedido polas actuacións do dúo Blues do País, coa súa reinterpretación en clave galega dos clásicos deste xénero, e de Duendeneta Dilleis. As entradas dispoñibles poden adquirirse na web woutick.es e mañá no despacho de billetes do propio Multiúsos Fontes do Sar, que abrirá o acceso ao recinto do concerto ás 20,00 h.