A Xunta inviste máis de 110.000 euros na renovación integral da cabina e da sala de proxeccións da Filmoteca de Galicia

   A Consellería de Cultura, Educación e Universidade inicia a execución das obras de reforma e modernización da sede coruñesa da cinemateca, que se desenvolverá ao longo desta recta final do ano

  A primeira fase céntrase na cabina co obxectivo de ampliar o espazo para os proxectores e optimizar as condicións de traballo, mentres que a segunda implicará unha transformación total da sala cara a unha maior comodidade do público

A Xunta inviste máis de 110.000 euros na renovación integral da cabina e da sala de proxeccións da Filmoteca de Galicia
[14/12/2021]
A Xunta está a acometer as obras de renovación da sede da Filmoteca de Galicia na Coruña, que suporá unha renovación integral tanto da cabina de proxección como da sala. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade inviste máis de 110.000 eurosneste proxecto de modernización das instalacións, que redundará nunha mellora substancial das condicións de uso tanto por parte do público como do persoal da cinemateca.
 

A reforma da Filmoteca, situada na Casa da Cultura Salvador de Madariaga da Coruña, desenvolverase en dúas fases ao longo desta recta final do ano, unha vez finalizado o proceso para a obtención dos correspondentes informes,  licenzas e permisos.
 
En primeiro lugar, estase a executar a obra de maior envergadura, que afecta á cabina de proxección e que porá todo o espazo ao mesmo nivel, eliminando os compartimentos existentes ata o momento. Esta actuación optimizará as condicións de traballo no seu interior, ao tempo que gañará amplitude para operar os distintos proxectores: dixital, 35 mm e 16 mm. Neste sentido, facilitará as sesións cinematográficas que combinan diferentes formatos, circunstancia habitual nas programacións da Filmoteca.
 
Cambios estéticos e funcionais
A segunda fase levarase a cabo na sala da cinemateca, que será renovada na súa totalidade. Cambiaranse teitos, paredes, chan e butacas, así como todo o sistema de iluminación e de ventilación. Someterase, pois, a unha modernización integral que non será exclusivamente estética, senón que tamén redundará nunhas mellores condicións de seguridade, mobilidade e comodidade do público.
 
Unha vez rematadas as obras, a Filmoteca de Galicia retomará a súa programación de proxeccións para avanzar nunha das funcións prioritarias que vén desenvolvendo desde a súa fundación hai máis de 30 anos como entidade para a conservación do noso patrimonio audiovisual e para a difusión da arte cinematográfica e, en especial, da creación galega.