O Teatro Principal de Ourense programa 10 novas funcións de cinco espectáculos co apoio da Xunta

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da nova carteleira semestral para 2022 deste espazo como un dos 40 que integran a Rede Galega de Teatros e Auditorios

  As montaxes seleccionadas son Moria, da compañía Unahoramenos; O porco de pé, a cargo de Excéntricas; Rastros, de Con de Tres Pés en coprodución co Centro Dramático Galego; Manar, de Teatro Proscrito, e Othello, de Voadora

O Teatro Principal de Ourense programa 10 novas funcións de cinco espectáculos co apoio da Xunta
[15/12/2021]
O Teatro Principal de Ourense presentou hoxe a súa primeira carteleira semestral para 2022, que inclúe máis de 50 actuacións escénicas e musicais, 10 delas programadas co apoio da Xunta de Galicia por ser un dos 40 escenarios membros da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA).
O director da Axencia Galega das Industrias (Agadic), Jacobo Sutil, participou no acto no que se anunciou toda a vindeira actividade do escenario dependente da Deputación de Ourense, ao que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade contribúe cunha achega económica de máis de 15.000 euros para a contratación de cinco novos espectáculos das compañías teatrais Unahoramenos, Producións Teatrais Excéntricas, Con de Tres Pés, Teatro Proscrito e Voadora.
 
Así, a parte da programación que conforma a Rede Galega de Teatros e Auditorios arrancará os días 21 e 22 de xaneiro con catro funcións de Moria, a exitosa produción de teatro documental arredor dos campos de refuxiados a cargo da compañía canaria Unahoramenos Producciones. Continuará o 30 e 31 de marzo e o 1 de abril coa estrea absoluta de O porco de pé, a obra de Vicente Risco levada a escena por Producións Teatrais Excéntricas, con dramaturxia de Quico Cadaval e Pepe Sendón, e con Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo na interpretación.
 
Tamén en abril, o día 22 será a quenda de Rastros, unha das pezas máis representativas de Roberto Vidal Bolaño, que asumirá a compañía Con de tres pés en coprodución co Centro Dramático Galego. Lois Blanco dirixirá a Antea Rodríguez, Muriel Pernas, Pablo Carrera e Mateo Franco para levar de novo ás táboas esta trama que aborda a vida de catro amigos na Compostela de finais do século XX.
 
Xa en maio chegará Teatro Proscrito con Manar. A derradeira caravana,  un espectáculo de poesía, música e danza escrito e dirixido polo recentemente falecido Lino Braxe.  A última das funcións previstas é a versión do clásico Othello, de  W. Shakespeare, a cargo de Voadora e con dirección de Marta Pazos, unha montaxe que tivo a súa estrea galega na última edición de Galicia Escena PRO, a feira de artes escénicas que organizan cada ano a Xunta e mais a asociación profesional Escena Galega.
 
Mestura de disciplinas e estilos
No acto de presentación, o director da Agadic referiuse á calidade e variedade da nova carteleira preparada polo Teatro Principal de Ourense, un dos espazos fundacionais da RGTA e que mantén cada ano unha intensa programación na que combina distintas disciplinas artísticas, dándolles cabida tanto ás principais producións de compañías galegas como aos espectáculos máis aplaudidos en teatros do resto do Estado.
 
Neste sentido, aproveitou a oportunidade para recoñecer o traballo e o compromiso dos responsables e axentes culturais para continuar coa súa oferta cara ao público incluso nos meses máis delicados da pandemia, buscando sempre o equilibrio entre a seguridade sanitaria do público e o mantemento da actividade.
 
Amosou, así mesmo, a súa satisfacción por comprobar que practicamente todos os escenarios membros da Rede Galega de Teatros e Auditorios teñen xa pechada a súa programación para os meses de xaneiro a xuño de 2022. De feito, este circuíto de distribución cultural impulsado pola Xunta, que rematará 2021 con máis de 500 actuacións desenvolvidas por toda Galicia, ten xa organizadas ata xuño do ano que vén un total de 329 funcións de 159 espectáculos a cargo de 128 formacións artísticas, galegas na súa meirande parte.

[Na imaxe: escena de 'Othello', de Voadora. Foto: Estrella Melero]