A Xunta destina 1,2 millóns de euros en axudas para a modernización dos teatros, auditorios e salas escénicas e musicais

  Os espazos públicos e privados de exhibición de espectáculos poderán solicitar ata o 28 de xaneiro este apoio para acometer proxectos de renovación que teñan como prioridades a dixitalización, a xestión sustentable e o respecto medioambiental

  O DOG publica hoxe as bases desta nova liña de subvencións, a primeira destinada ao sector cultural galego ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU

  Redundarán nunhas mellores condicións de traballo do persoal técnico e artístico, así como nunha meirande calidade na exhibición dos espectáculos diante do público

A Xunta destina 1,2 millóns de euros en axudas para a modernización dos teatros, auditorios e salas escénicas e musicais
[28/12/2021]
A Xunta de Galicia pon en marcha unha nova liña de subvencións a través da que destina 1.210.000 euros para a modernización e xestión sustentable das infraestruturas de artes escénicas e musicais. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases desta convocatoria, a primeira dirixida ao sector cultural galego que xestiona a Consellería de Cultura, Educación e Universidade ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU.

As destinatarias destas axudas son as entidades xestoras de espazos de exhibición de espectáculos de teatro, danza, música, maxia ou novo circo, tanto privadas como integrantes da Administración local. Todas elas teñen de prazo ata o vindeiro 28 de xaneiro para solicitar esta achega económica ao desenvolvemento dos seus proxectos de modernización, que deberán levar a cabo antes de que finalice o ano que vén.
 
Continuidade en 2022
A dixitalización, a xestión sustentable e o respecto medioambiental son as prioridades desta nova vía de apoio, que terá continuidade cunha segunda convocatoria en 2022. Este investimento implicaráa renovación dos sistemas dixitais de iluminación, vídeo, audio, maquinaria escénica e produción en teatros, auditorios e salas, o que redundará nunhas mellores condicións de traballo do persoal técnico e artístico, así como nunha meirande calidade na exhibición dos espectáculos diante do público. Atenderanse, así mesmo, as necesidades de rehabilitación dos edificios para mellorar a súa eficiencia enerxética e favorecer a súa adaptación ao cambio climático.
 
Con estes fins, subvenciónanse os custos de elaboración dos proxectos técnicos; as obras de instalación, modernización e rehabilitación; a compra, montaxe e instalación de equipos e materiais; a renovación das ferramentas de xestión artística e de produción de espectáculos ou os gastos de auditoría, entre outros. A contía da axuda no caso das entidades privadas pode alcanzar ata o 80% do orzamento da proposta, cun límite de 30.000 euros por beneficiaria, mentres que para as entidades públicas esta porcentaxe sitúase no 70% e a axuda máxima en 50.000 euros.


-Máis información