A Xunta convoca subvencións por valor de 210.000 euros para as novas edicións dos festivais audiovisuais

  Esta liña incrementa nun 5% a súa dotación respecto á do pasado ano para continuar co seu apoio aos certames organizados de xeito profesional e considerados estratéxicos para o sector

  Coa publicación das bases no DOG ábrese o programa de axudas ao audiovisual galego para 2022, que se verá reforzado coas iniciativas que se están a poñer en marcha a través do Hub Audiovisual da Industria Cultural

A Xunta convoca subvencións por valor de 210.000 euros para as novas edicións dos festivais audiovisuais
[11/01/2022]
 A Xunta de Galicia distribuirá este ano 210.00 euros en subvencións destinadas á organización de festivais profesionais do sector audiovisual, tal como se recolle nas bases da convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). A dotación para 2022 supón un incremento do 5% respecto ao pasado ano para esta liña de axudas, o que consolida a tendencia continua á alza no seu orzamento e revalida a aposta do Goberno galego polo desenvolvemento deste tipo de certames.
 

Convocadas en réxime de concorrencia competitiva, as axudas diríxense a asociacións, empresas, e entidades locais organizadoras de festivais, certames, semanas ou mostras celebradas entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro de 2022. Os interesados teñen de prazo ata o 11 de febreiro para presentar as súas propostas e deben facelo prioritariamente a través da sede electrónica da Xunta.
 
Entre os requisitos exixidos, están que estes eventos conten cunha duración mínima de catro xornadas e, cando menos, con 20 proxeccións, así como ter realizado un mínimo de tres edicións consecutivas nos anos inmediatamente anteriores. Ademais, a proposta de programación debe conter o cinco por cento de títulos ou cinco sesións de produción cinematográfica e/ou dirección galegas.
 
Industrias e produtos rendibles
Coa aprobación destas bases, a Xunta de Galicia mantén o seu compromiso con este tipo de festivais nun marco de actuación cultural baseado no impulso do sector audiovisual para a Comunidade, consolidando industrias rendibles desde o punto de vista económico e social, facéndoas competitivas e susceptibles de exportar os seus produtos. Recoñécese, ao tempo, o seu carácter estratéxico como motores de dinamización cultural, ademais de económica e turística, nas súas localidades e comarcas.
Así, por exemplo, na anterior adxudicación desta liña de axuda, contribuíuse ao financiamento dos gastos da organización de 14 eventos: Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui, Festival Internacional de Cinema Curtocircuíto de Santiago de Compostela, (S8) Mostra Internacional de Cinema Periférico da Coruña, Festival de Cans de Curtametraxes (no Porriño), Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu, Festival Carballo Interplay, Novos Cinemas-Festival Internacional de Cinema de Pontevedra, 43ª Semana de Cine de Lugo, Intersección-Festival de Arte Audiovisual Contemporánea (na Coruña), MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (en Santiago), 6º Festival Internacional de Curtametraxes de Verín, VI Festival de Cine Inclusivo, Festival Primavera do Cine e Galician Freaky Film Festival (os tres últimos, en Vigo). 
 
Primeira convocatoria audiovisual de 2022
Esta é a primeira das convocatorias do programa anual de subvencións dirixidas especificamente ao sector audiovisual para 2022 que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade xestiona a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Nas sucesivas semanas publicaranse tamén as liñas de axudas a producións e coproducións audiovisuais, impulso ao talento, desenvolvemento de proxectos e comercialización e difusión de obras audiovisuais, ademais de se lle dar continuidade á de exhibición en salas de cinema, convocada por vez primeira en 2021.
 
A esta planificación súmanse as novas iniciativas para o impulso do sector a través do  Hub Audiovisual da Industria Cultural. Trátase dun programa de apoio sen precedentes que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do audiovisual e do resto das industrias culturais galegas e que suporá un investimento de 9,6 millóns de euros a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19. 

-Presentación das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento: CT215B).

-Convocatoria: DOG nº 6, do 11 de xaneiro de 2022