A Xunta ofrece 12 actuacións escénicas en Santiago neste semestre a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  A programación arranca esta fin de semana no Teatro Principal con ‘El dios del pop’, de Diego Anido, que se representará o venres e o sábado

  A oferta global deste circuíto cultural, organizado coas entidades locais, inclúe 329 funcións de teatro, danza, música, novo circo e maxia en 40 espazos de toda Galicia

  O Goberno galego incrementou un 12,5% o orzamento respecto a 2021 para a Rede e destina 574.000 euros ao primeiro semestre de actividade

A Xunta ofrece 12 actuacións escénicas en Santiago neste semestre a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios
[19/01/2022]
A Xunta ofrece 12 actuacións escénicas en Santiago de Compostela neste semestre a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA). Deste total, 11 serán funcións teatrais de seis espectáculos e unha, de danza. A programación deste circuíto cultural no Teatro Principal, organizada en colaboración co Concello, arranca este venres día 21 ás 20,30 horas co espectáculo El dios del pop, a cargo de Diego Anido.

A peza que abre o cartel compostelán, e que poderá verse tamén o sábado 22 co mesmo horario, conta ademais co apoio da Xunta de Galicia por medio das subvencións á creación escénica. Trátase dunha combinación de disciplinas, con texto, danza, baile e  música en directo, e unha depurada dramaturxia. El dios del pop ofrece un percorrido desordenado polos fitos que consolidaron a cultura pop e un relato autobiográfico fantástico, no que Anido encarna unha sorte de imitador de MIchael Jackson. O proxecto participou no programa Residencias Paraíso do pasado ano, promovido polo colectivo RPM coa colaboración da Xunta.
 
A programación continúa a seguinte fin de semana con Cigarreiras, de Contraproducións. Novamente haberá sesións o venres e o sábado ás 20,30 horas.A montaxe leva ás táboas unha proposta dramatúrxica baseada na novela La tribuna, de Emilia Pardo Bazán. Con sete actrices en escena, conxuga o ton propio dun drama individual e colectivo con outros máis frescos e lixeiros, característicos da narrativa da autora galega. A montaxe dirixida por Cándido Pazó é unha das máis contratadas ao abeiro da nova temporada da Rede.
 
Coproducións do CDG en febreiro e marzo
Febreiro arranca con Sarabela Teatro e o seu espectáculo Morgana en Esmelle, a adaptación da novela homónima de Begoña Caamaño e  que reescribe o  mito cunha ollada contemporánea. Representarase os días 3 e 4. Dúas semanas máis tarde, nas xornadas do 17 e do 18, chega Ibuprofeno Teatro con Smoke in the water. O domingo 19 será a quenda de Pérez&Fernández coa coprodución do Centro Dramático Galego (CDG) Os nenos da varíola, que se ofrecerá ás 18,30 h.
 
Xa en marzo, as sesións previstas no marco da RGTA terán lugar os días 4 e 5, coa nova coprodución do CDG Rastros, da compañía Condetrespés. O cartel péchase en maio coa danza de Fran Sieira e o espectáculo De Mente. Será na xornada do 20.
 
Máis de 300 actuacións en 40 espazos
A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece nesta primeira metade do ano unha variada oferta cultural en 40 dos seus espazos asociados en todo o territorio galego. Sumará 329 funcións escénicas de 128 formacións, a meirande parte delas, galegas. Así, entre xaneiro e xuño exhibiranse 159 propostas diferentes de teatro, música, danza, maxia e novo circo.
 
A Xunta de Galicia incrementou un 12,5% o orzamento con respecto a 2021 ao destinar 574.000 euros a este primeiro período da programación anual da Rede Galega de Teatros e Auditorios, que se financia ao 50% coas entidades locais xestoras dos escenarios. Deste xeito, o investimento conxunto en contratacións artísticas ata finais de xuño superará os 1,13 millóns de euros.
 
O calendario completo de funcións ao abeiro deste circuíto pode consultarse nas axendas das web de Cultura de Galiciae da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).