O Centro Dramático Galego ofrece cada luns accións escénicas improvisadas arredor da súa nova produción 'A peste'

  Nace o programa ‘ImproVersións’, dirixido por Antón Coucheiro, que terá lugar ata o 7 de marzo no Salón Teatro de Santiago para promocionar o espectáculo que vén de estrear o CDG

  O elenco participante utilizará a escenografía, o atrezzo e a iluminación da montaxe inspirada na novela de Albert Camus, con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó, para crear variantes libres e aloucadas

O Centro Dramático Galego ofrece cada luns accións escénicas improvisadas arredor da súa nova produción 'A peste'
[23/01/2022]
O Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta de Galicia, ofrece todos os luns ás 20,00 horas, a partir do 24 de xaneiro e ata o 7 de marzo, accións escénicas improvisadas para promocionar a súa nova produciónA peste. Trátase do programa ImproVersións, un proxecto dirixido por Antón Coucheiro co que se representará un espectáculo diferente cada semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela.

As pezas inspiraranse na temática e na atmosfera de A peste, así como nas suxestións do público, para realizar variantes libres e aloucadas arredor do clásico de Albert Camus. Ademais, utilizarase a escenografía, o atrezzo e a iluminación da montaxe que vén de estrear o CDG con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó.
 
O elenco que participará en ImproVersións está composto por Antía Costas, Marta Doviro, Arturo Cobas, Pablo Navas, Antón Coucheiro e Cayetano Lledó. A iniciativa conta ademais con Alfonso Medina na dirección escénica e con Aitor Garuz como técnico de luz e son.
 
As entradas pódense adquirir en liña a través de ataquilla.com e no despacho de billetes desde dúas horas antes da sesión a un prezo de 6 euros.
 
Promoción de ‘A peste’
ImproVersiónsé unha nova iniciativa posta en marcha polo CDG a prol do achegamento da cidadanía ao teatro e da creación de público. O obxectivo é a promoción do seu novo espectáculo A peste que permanecerá no Salón Teatro ata o 13 de marzo con funcións de mércores a domingo. Protagonizado por Nacho Castaño, nel actúan Evaristo Calvo, César Cambeiro, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda G. Alfaro, Paku Granxa, Luís Iglesia B., Míquel Ínsua, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, María Roja, Santi Romay e Carlos Sante.
 
O equipo artístico da produción está composto por Dani Trillo na escenografía, Martina Cambeiro no vestiario e maquillaxe, Alfonso Castro na iluminación, Guillerme Fernández na música e no espazo sonoro, Belén Pichel na asistencia de dirección e Keka Losada na de produción.