Avanzan as obras na Filmoteca de Galicia para dotar a sala de cine de novo equipamento tÚcnico e mobiliario

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais visitou na Coruña os traballos xa realizados na sede do centro audiovisual dependente da Consellería de Cultura

  A Xunta de Galicia inviste máis de 110.000 euros na renovación integral da cabina de proxección e no espazo para o público usuario da cinemateca

Avanzan as obras na Filmoteca de Galicia para dotar a sala de cine de novo equipamento tÚcnico e mobiliario
[28/01/2022]
O director de Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, visitou na Coruña as obras que se están a acometer na sede da Filmoteca de Galicia, nas que avanzan nos traballos de renovación integral da súa sala de cine José Sellier, tanto da cabina de proxección como do equipamento e mobiliaria da zona aberta ao público. A Consellería de Cultura, Educación e Universidade inviste máis de 110.000 eurosneste proxecto de modernización das instalacións, que implican unha remodelación practicamente integral do espazo para a mellora substancial das súas condicións de uso por parte dos espectadores e do persoal da cinemateca.


A reforma da Filmoteca, situada na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, estase a desenvolver en dúas fases. Nestes momentos execútase a obra de maior envergadura, que afecta á cabina de proxección. Tal como se comprobou na visita coas explicacións proporcionadas polas persoas encargadas da dirección de obra, esta intervención eliminará os distintos niveis de altura da estancia, polo que se optimizarán as condicións de traballo no seu interior, obterase visibilidade do exterior e gañarase amplitude para operar os distintos proxectores: dixital, 35 mm e 16 mm. Neste sentido, facilitará as sesións cinematográficas que combinan diferentes formatos, circunstancia habitual nas programacións que se ofrecen.
 
Despois da actuación na cabina acometerase a do patio de butacas, que tamén será renovado na súa totalidade. Cambiaranse teitos, paredes, chan e asentos, que serán dispostos de xeito que favorezan a circulación e a accesibilidade dos espectadores. Tamén se substituirá todo o sistema de iluminación e de ventilación. A sala modernizarase esteticamente e acollerá o público en mellores condicións de seguridade, mobilidade e comodidade.
 
Ao remate das obras, a Filmoteca retomará a súa carteleira, unha das funcións básicas que leva a cabo desde 1991 como entidade pública para a conservación do noso patrimonio audiovisual e a difusión cinematográfica, con especial atención á creación galega.