A Xunta lanza unha nova edición do catálogo 'Shorts from Galicia' para a promoción internacional das curtametraxes galegas

  A súa difusión iníciase esta semana no mercado profesional do festival francés de Clermont-Ferrand, referente mundial para os profesionais especializados neste formato audiovisual

  A escolma de 2022 inclúe sete traballos asinados por Marta Valverde, Ángel Santos, Nerea Barros, Rebeca Lar, Eloy Domínguez, Lucía Estévez e Lois Patiño xunto a Matías Piñeiro

A Xunta lanza unha nova edición do catálogo 'Shorts from Galicia' para a promoción internacional das curtametraxes galegas
[01/02/2022]
A Xunta acaba de publicar unha nova edición do seu catálogo Shorts from Galicia, que este ano ofrece unha escolma de sete curtametraxes para dar conta da calidade e variedade da produción galega neste formato audiovisual. A súa difusión internacional está a comezar esta mesma semana no mercado profesional do Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, en Francia, referente internacional para os profesionais da produción e distribución de curtas.

A selección deste ano, a cargo dunha comisión de especialistas, recolle traballos que  abordan tanto o xénero documental como a ficción dramática. Así mesmo, no catálogo conviven talentos emerxentes como Lucía Estévez (O niño dos paxaros), Marta Valverde (30’ 70 60 120’) ou Rebeca Lar (As árbores coñecen o son das balas) con realizadores xa consagrados como Ángel Santos (Así vendrá la noche), Eloy Domínguez (Rompente) e Lois Patiño (Sycorax, codirixida co arxentino Matías Piñeiro), ademais de incluír o debut como directora da actriz Nerea Barros (Memoria).
 
A meirande parte destas obras están a comezar o seu percorrido por festivais, aínda que nalgúns casos contan xa con importantes seleccións como as do FICX Xixón Film Festival de 2021, onde se exhibiu Así vendrá la noche, O niño dos paxaros e Sycorax, peza esta última que puido verse tamén nos certames de Cannes, Toronto, Nova York, Mar del Plata e PortoPostDoc. Pola súa banda, Memoria estreouse no Aguilar Film Festival;Só as árbores coñecen o son das balas, no de Cans, e a fita de Lucía Estévez gañou o premio á mellor curta do Ficinidie de Canarias.
 
Impulso á distribución das curtas galegas
En Clermont-Ferrand búscase ampliar as súas posibilidades de exhibición, reforzando a difusión de Shorts from Galicia a través dunha completa axenda de reunións cos representantes de festivais internacionais acreditados no encontro galo. Ademais, as curtas galegas terán tamén presenza na retrospectiva que o festival lle dedica a España como país convidado da 44ª edición.
 
Nesta programación especial Foco España, figuran catro premiadas producións de creadores galegos: Birdboy, de Pedro Rivero e Alberto Vázquez (2010); Anacos, de Xacio Baño (2012); Montaña en sombra, de Lois Patiño (2013), e Matria, de Álvaro Gago (2017). Ao tempo, estanse a desenvolver Market Screenings para o público profesional nos que tamén se inclúe A rabia, de Alberto Díaz.
 
Xunto co apoio á difusión deste formato, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade impulsa a realización de curtametraxes galegas a través das correspondentes modalidades das subvencións a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego e á promoción do talento audiovisual, que xestiona cada ano o seu departamento de Industrias Culturais. Así, por exemplo, as devanditas Rompente e A rabia resultaron adxudicatarias dunha axuda á produción nas convocatorias de 2019 e 2020, respectivamente.
 
Saúdos do Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade