Preto de 20 concellos soben ao bus do Centro Dramático Galego para ver 'A peste' no Salón Teatro de Santiago

  A iniciativa promovida pola unidade teatral da Xunta busca facilitarlle á cidadanía de todo o territorio o achegamento ao teatro e ao espazo compostelán

  A montaxe inspirada na obra de Albert Camus, con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó, retoma mañá mércores as funcións tras a suspensión da pasada semana

Preto de 20 concellos soben ao bus do Centro Dramático Galego para ver 'A peste' no Salón Teatro de Santiago
[15/02/2022]
Preto de vinte concellos, dous centros de ensino e o Centro Sociocomunitario de Ferrol sumáronse xa ás viaxes en autobús organizadas polo Centro Dramático Galego (CDG), unidade teatral da Xunta, para ver a súa produción A peste, que se representará no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A montaxe inspirada na obra homónima de Albert Camus, con dirección e dramaturxia de Cándido Pazó, retoma este mércores o calendario previsto de funcións e permanecerá en cartel no espazo compostelán ata o 13 de marzo.

Ata o momento desprazouse a gozar do espectáculo veciñanza de Gondomar, Vilagarcía de Arousa e Boiro, así como alumnado do instituto IES Audiovisual de Vigo. Este venres chega público procedente de Ribeira e de Malpica de Bergantiños, e o sábado, de Rianxo e Mos. A vindeira semana será a quenda de Vedra e Culleredo, o día 25, e de Ares e Mesía, o 26.
 
Para a primeira fin de semana de marzo prevese o desprazamento de alumnado do instituto IES Ramón Cabanillas de Cambados e de veciñanza de Sada, o venres, e de Santiso e Outes, o sábado. O Centro Sociocomunitario de Ferrol achegarase ao Salón Teatro o mércores 9. Xa por último, na xornada do 11 o autobús do CDG viaxará desde Oleiros, e na do 12, desde Carral e Cee.   
 
Con esta iniciativa, o CDG quere facilitar o achegamento da cidadanía galega ao teatro ao tempo que promove a creación de público para un espazo de exhibición de referencia en Compostela como é o Salón Teatro. As persoas participantes benefícianse dun desconto do 40% no prezo da entrada, coa viaxe en autobús incluída. 
 
Funcións de mércores a domingo
Estreada en xaneiro, A peste ofrece funcións todas as semanas de mércores a domingo. Os mércores, ás 18,00 h., desenvólvese a sesión descontraída, adaptada ao público con dificultades para permanecer moito tempo sen moverse e con pouca tolerancia á escuridade e ao ruído. Os xoves, venres e sábados as representacións teñen lugar ás 20,00 h. e por último, os domingos, ás 18,00 h. As entradas poden adquirirse a través de ataquilla.com e no despacho de billetes desde dúas horas antes do inicio. O prezo é de 10 euros de xoves a sábado, con descontos do 40% para diversos colectivos, e de 6 euros os mércores e os domingos.
 
Constitúen o elenco 15 intérpretes de ampla traxectoria, como Nacho Castaño, quen asume o papel protagonista, Evaristo Calvo, César Cambeiro, Xurxo Cortázar, Salvador del Río, Casilda G. Alfaro, Paku Granxa, Luís Iglesia B., Miquel Ínsua, Tone Martínez, Rebeca Montero, Marcos Orsi, María Roja, Santi Romay e Carlos Sante. Xunto a eles, fan posible o espectáculo Dani Trillo na escenografía, Guillerme Fernández na música e no espazo sonoro, Martina Cambeiro no vestiario e maquillaxe, Afonso Castro na iluminación, Belén Pichel na asistencia de dirección, e Keka Losada na asistencia de produción.
 
A peza ofrece unha reflexión sobre o comportamento da sociedade e dos individuos durante situacións de crise. A través do personaxe do doutor Rieux, a historia narra os sucesos na cidade de Orán durante unha praga de peste que a asedia e pon os seus habitantes en corentena. Céntrase nos periplos das persoas encerradas, en como loitan contra a praga e lle buscan un sentido á súa situación, primeiro nunha loita egoísta pola supervivencia, logo a través do esforzo colectivo e comunitario.