Novas
A Xunta presenta unha visión contemporánea do teatro medieval galego e portugúes coa nova edición do ciclo 'Clásicas desfeitas'




[10/03/2022]
A Xunta presenta este mes os volumes 4 e 5 do ciclo Clásicas desfeitas, que este ano leva a escenarios non convencionais obras inspiradas na literatura medieval galega e na renacentista portuguesa. Os dous proxectos, están a tomar forma xa no marco do programa de apoio ao talento creativo das Residencias Artísticas do Gaiás co propósito de achegar unha ollada renovada e actual sobre o patrimonio cultural e artístico.As propostas, que están coproducidas pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego, convidan a traballar ligando as artes escénicas coa creación contemporánea e coa arquitectura, ocupando espazos non teatrais. Un encontro aberto e diverso no que o clásico segue a ser recoñecible nestes anovadores espectáculos que reivindican o patrimonio á vez que atraen novos públicos.
Clásicas desfeitasarrinca este ano co volume 4, Arte sen guión, da compañía carballesa Galeatro. A obra terá dúas representacións, na tarde do sábado 19 e na mañá do domingo 20 de marzo, cunha divertida e singular posta en escena na galería de túneles que percorre os sotos do Gaiás.
Coas ferramentas da improvisación contemporánea, a comedia e a música, Arte sen guión constrúe unha especulación improvisada sobre como podería ter sido unha función de teatro galego da Idade Media, un xénero do que non se conservan rexistros escritos. O proxecto bebe das estruturas narrativas e dramáticas da época e dos materiais en lingua galega previos ao Rexurdimento, como as cantigas ou o Códice Calixtino, para presentar unha relectura en clave cómica dun tempo deostado que nos convida a cuestionar a nosa propia modernidade.
Galeatro é unha compañía con base en Carballo fundada polos actores Tone Martínez e Alba Bermúdez. Coñecida especialmente polos seus espectáculos didácticos, cos que ten percorrido gran parte dos centros educativos de Galicia, e a súa colaboración co Festival Internacional Outono de Teatro, suma á súa vertente artística un labor de formación teatral que no último ano chegou a máis de 200 estudantes. Con Arte sen guión, a compañía pretende dar un paso máis achegándose ao público xuvenil e adulto, sen esquecer as súas raíces.
Teatro na auga con mensaxe ecoloxista
A segunda peza desta edición de Clásicas desfeitas é A barca do inferno, que se inspira no clásico da literatura renacentista portuguesa Auto da barca escrito por Gil Vicente no século XVI. A partir del, a compañía Moving Compass está a construír un espectáculo innovador que destaca especialmente por empregar a auga, neste caso a lagoa do Xardín Literario da Cidade da Cultura, como escenario teatral.
Máscaras e marionetas forman o reparto dunha obra que renova tamén os temas do texto orixinal portugués cunha mensaxe de fondo calado ecoloxista que pretende esporear o compromiso do público coa defensa e preservación dos recursos naturais.
A barca do infernode Moving Compass supón un verdadeiro desafío técnico e creativo para esta compañía formada por artistas galegos e internacionais que veñen do teatro físico, o circo, a música, a danza e o teatro de monicreques.
As entradas para ambos os dous espectáculos de Clásicas desfeitas poden adquirirse xa en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.