Netflix incorporará preto de 70 títulos en galego ao longo do ano coa colaboración da Xunta

  A compañía estadounidense impulsa a presenza da lingua galega na plataforma de streaming mediante o subtitulado e a dobraxe dunha selección de títulos

  Os subscritores de 190 países do mundo poderán acceder a series e películas en galego como ‘Emiliy en París’, ‘The Mother’, ‘Garra’, ‘Sandman’ ou ‘Pinocho’, entre outras

Netflix incorporará preto de 70 títulos en galego ao longo do ano coa colaboración da Xunta
[15/03/2022]
A plataforma de entretemento Netflix dá un paso máis para impulsar a presenza da lingua galega no seu servizo mediante o subtitulado dunha selección de series e películas internacionais e a dobraxe de varios títulos infantís e familiares. Esta iniciativa é posible despois de varias conversas que o Goberno galego mantivo cos representantes da compañía estadounidense en España na procura do obxectivo común de levar a lingua galega ata o mundo da televisión á carta.

Así, durante os próximos meses Netflix incorporará unha selección de arredor de 70 títulos de películas e series nas tres linguas cooficiais do Estado, unha cifra que seguirá aumentando de forma constante no futuro, segundo aseguran desde a compañía. En total, esta selección representa unhas 600 horas de películas e series internacionais subtituladas e unhas 60 horas de contido para o público infantil e familiar dobradas en galego, catalán e eúscaro (un total dunhas 200 horas de subtítulos e unhas 20 horas de dobraxe en cada idioma).
 
Os títulos non se publicarán todos á vez, senón a medida que vaian estando dispoñibles no servizo, de maneira que a selección completa deste ano estará lista para finais do 2022. Ademais, unha vez colgados na plataforma, os subtítulos e dobraxes en galego serán permanentes mentres a película ou serie se manteña no catálogo ofertado.
 
Deste xeito, os subscritores que Netflix mantén en ata 190 países de todo o mundo poderán gozar dun conxunto de series e películas en lingua galega, entre as que destacan títulos como Emily en París e próximas estreas como The Mother, Garra, Sandman ou a versión de Pinocho que Guillermo del Toro estreará na plataforma a finais de ano. 

[Imaxe de 'Emily en París'. Netflix]