A Xunta convoca as subvencións a festivais de música e de artes escénicas cunha dotación de 550.000 euros

  O DOG publica as bases destas axudas para eventos organizados de xeito profesional, que buscan recuperar os niveis de actividade e emprego anteriores á pandemia

  O fondo para os encontros musicais increméntase nun 3% respecto a 2021 para chegar aos 350.000 euros, mentres que os escénicos manteñen a contía de 200.000 euros

  O prazo de solicitude esténdese ata o 25 de abril

A Xunta convoca as subvencións a festivais de música e de artes escénicas cunha dotación de 550.000 euros
[24/03/2022]
Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria e as bases que regulan as subvencións da Xunta a festivais profesionais de música e de artes escénicas, aos que este ano destina un orzamento de 550.000 euros, 10.000 euros máis que en 2021. Mantense así o compromiso do Goberno galego cos eventos considerados estratéxicos nestes ámbitos, aos que se apoia no seu esforzo por recuperar os niveis de actividade e emprego anteriores á pandemia.

O devandito incremento do 3% reverte na modalidade A, dirixida os eventos musicais, para os que se reservan 350.000 eurosco obxectivo de contribuír economicamente ao progresivo regreso aos formatos e niveis de capacidade previos á crise sanitaria. Esta inxección económica complementarase coa ofrecida a través da marca FEST Galicia, creada pola Xunta para colaborar dun xeito especial no marco do Xacobeo 21-22 con festivais que funcionan de xeito profesional e se preocupan por achegarlle valores engadidos á experiencia musical, ademais de servir de plataforma de difusión á marca Galicia e ás actividades de celebración do dobre Ano Santo.

Para os festivais de artes escénicas mantense a dotación de 200.000 euros convocada en 2021, ano no que esta modalidade B xa experimentara un ascenso do 5%. Á listaxe de adxudicatarios de 2022 engadiranse outros eventos que obteñen financiamento a través do Plan anual de convenios da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
 
Requisitos comúns
O prazo de solicitude para as dúas modalidades, convocadas en réxime de concorrencia competitiva abrirase mañá e estenderase ata o día 25 do vindeiro mes de abril. Entre os requisitos esixidos en ambas, están que todos os festivais beneficiarios deben levarse a cabo entre o 1 de novembro de 2021 e o 31 de outubro deste ano, ter realizado cando menos dúas edicións anteriores e programar un mínimo de seis grupos musicais ou de seis compañías escénicas.
 
Adicionalmente, os eventos de música desenvolveranse dentro dun único período de 15 días (dous deles consecutivos), o gasto en contratación artística debe acadar o 30% do orzamento subvencionable e o 80% dos concertos ofertados ten que ser de pago. Pola súa banda, aos de artes escénicas esíxelles un orzamento mínimo de contratación artística do 40% (dentro do que o 30% ten que destinarse a artistas que desenvolvan a súa actividade profesional en Galicia) ou que o mínimo do 60% da carteleira sexa de pago, excepto nos festivais de rúa.
 
Anteriores beneficiarios
O pasado ano recibiron axuda por medio desta convocatoria de subvención un total de 28 eventos. Deles, 19 foron festivais de música: Atlantic Fest, Festival Sonrías Baixas, PortAmérica, Resurrection Fest Limited, Festival de La Luz, Revenidas, Maré Músicas e Artes Atlánticas, WOS Festival, Festival Sinsal, 17º Ribeira Sacra Festival, Vive Nigrán, Melonafest, Morrasound Rock Fest, Underfest, Vilablues Noia Fest, Festival dos Eidos, Festival Musgo, Canteira Fest e Festival Secreto de Vigo.

En canto á modalidade de artes escénicas, os subvencionados en 2021 foron o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, Festival Internacional Galicreques, Mostra de Teatro Galego de Cariño, Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), Festaclown de Vilagarcía de Arousa, Festival Internacional de Títeres de Redondela, Corpo(a)Terra de Gondomar e mais o festival de monólogos Singular de Narón.

-Máis información