A Xunta inviste 2,5 millóns de euros na convocatoria anual de axudas ás novas producións e coproducións audiovisuais

  O DOG publica hoxe as bases da liña con maior dotación do plan anual de subvencións ao audiovisual galego da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

  Incorpóranse novas modalidades para coproducións de participación minoritaria española e para series documentais

  Este programa de fomento refórzase co Hub Audiovisual que, segundo adiantou hoxe o director de Industrias Culturais no Parlamento, suporá outros 2,5M€ en adxudicacións ao sector en 2022 só a través das dúas iniciativas xa activadas

A Xunta inviste 2,5 millóns de euros na convocatoria anual de axudas ás novas producións e coproducións audiovisuais
[25/03/2022]
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de subvencións da Xunta á produción e coprodución de proxectos audiovisuais galegos para 2022, que manteñen a súa dotación de 2,5 millóns de euros como principal liña de investimento directo no sector dentro do plan anual de axudas desenvolvido polo departamento de Industrias Culturais.

A través deste programa de fomento, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade  apoia economicamente as empresas en todas as etapas do proceso audiovisual: desde a promoción do talento na creación e a fase de preprodución ata a produción, difusión e comercialización. O seu obxectivo é facilitar a recuperación do sector, ademais de contribuír á súa consolidación e crecemento a medio e longo prazo.
 
Este acompañamento refórzase durante o período 2021-2023 coas diferentes iniciativas impulsadas polo Goberno ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural, tal e como explicou hoxe o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, no Parlamento de Galicia en resposta a unha pregunta elevada pola Comisión 4ª de Educación e Cultura.
 
Na súa intervención, fixo un primeiro balance das dúas iniciativas activadas ata o momento no marco deste programa extraordinario de apoio, cun investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023. Trátase do fondo para a atracción de rodaxes, do que se publicará unha segunda convocatoria no mes de abril, e das axudas ao desenvolvemento de grupos de proxectos, que suporán outros 2,5 millóns de euros en adxudicacións ao sector durante o presente ano.
 
Anunciou, así mesmo, a posta en marcha da primeira das medidas do Hub destinada especificamente ao ámbito dos videoxogos, coa apertura o vindeiro luns do proceso para a selección da entidade colaboradora para a xestión do polo de aceleración deste sector.
 
Novas categorías de proxectos subvencionables
En canto ás subvencións a producións e coproducións audiovisuais convocadas hoxe, diríxense especificamente a produtoras independentes para levar a cabo diferentes modalidades de proxectos de cinema e televisión (longametraxes, curtametraxes e series de ficción, animación e documentais), aos que este ano se incorporan dúas novas categorías. Dunha banda, unha pensada para longas cinematográficas en coprodución internacional con participación minoritaria española, a través da que se busca incentivar a participación de empresas galegas en proxectos encabezados por produtoras estranxeiras e favorecer, neste sentido, o establecemento de vínculos estratéxicos baseados na alternancia no liderado. Doutra, unha subcategoría para series documentais, en resposta á crecente demanda deste tipo de produtos por parte das plataformas de vídeo baixo demanda.
 
Ao tempo, mantéñense as modificacións realizadas en 2021 para mellorar a adaptación das condicións de xustificación aos procesos de produción, así como as novas intensidades de axuda que permiten financiar ata o 80% do orzamento subvencionable en determinados tipos de proxectos, como os rodados integramente en versión orixinal galega, os realizados por mulleres, os de dirección novel, os dirixidos por profesionais con discapacidade, as curtametraxes ou os documentais, entre outros.
 
Neste mesmo sentido, esta convocatoria busca resultar accesible tanto ás propostas máis ambiciosas respecto ao seu deseño de produción e orzamento como a outras máis modestas, pero de gran interese artístico e cultural. Ademais, os criterios de selección están moi relacionados co territorio en canto ás localizacións de rodaxe, os estudos ou os profesionais creativos, técnicos e artísticos implicados, pero tendo en conta ao mesmo tempo a calidade dos contidos e o seu potencial de distribución estatal e internacional.
 
O prazo de presentación de solicitudes comeza mañá e estará aberto ata o 25 de abril a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.
 
Retorno económico da produción audiovisual
Os resultados obtidos a partir das convocatorias de anos anteriores confirman o efecto multiplicador destas axudas, que ademais de dinamizar a contratación de servizos e profesionais vinculados directamente á produción audiovisual, teñen un relevante impacto económico e de proxección exterior para as contornas que acollen as súas rodaxes. A través das subvencións á produción e coprodución de 2020 e 2021, 31 produtoras galegas resultaron beneficiarias dun total de cinco millóns de euros para 42 obras audiovisuais, cuxos orzamentos globais suman máis de 26 millóns de euros (10,6 millóns en 2020 e 15,7 millóns en 2021).
 
Este dinamismo da industria queda patente nas propias características dos proxectos subvencionados, cada vez máis competitivos en canto á captación do investimento, os valores de produción e o público obxectivo, así como na súa repercusión mediática. Entre as producións adxudicatarias nos dous anos anteriores atópanse, por exemplo, Malencolía (Maruxiña Film Company), de Alfonso Zarauza, que se estrea hoxe nos cinemas, ou Código Emperador (Vaca Films), de Jorge Coira, que a pasada semana inaugurou o Festival de Málaga. Outros títulos destacados son Matria (Matriuska Producciones), de Álvaro Gago; Unicorn Wars (Unicorn Wars AIE), de Alberto Vázquez; La Parra (Filmika Galaica), de Alberto Gracia, e Sica (Miramemira), de Carla Subirana, ou series como Operación Marea Negra, de Ficción Producciones para Prime Video, e O diario de Alicia, coprodución galego-portuguesa de animación encabezada por Xosé Zapata.

-Máis información