A Xunta celebra co sector o Día Mundial do Teatro e o lanzamento da nova Bolsa de dramaturxia e creación

  Arranca a convocatoria da segunda edición coa fase de dramaturxia, cun orzamento que aumenta ata os 6000 euros

  No evento entregóuselles os galardóns aos gañadores da primeira edición da bolsa, Ernesto Is, na modalidade de dramaturxia, e a compañía aAntena, na de creación

A Xunta celebra co sector o Día Mundial do Teatro e o lanzamento da nova Bolsa de dramaturxia e creación
[27/03/2022]
A Xunta celebrou hoxe o Día Mundial do Teatro nun acto que reuniu o sector para premiar os gañadores da primeira edición da Bolsa de dramaturxia e creación e anunciar a nova convocatoria da iniciativa, impulsada polo Centro Dramático Galego (CDG) en colaboración con diversos colectivos do ámbito teatral e cultural. No evento, desenvolvido no exterior do Salón Teatro de Santiago, participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o director do CDG, Fran Núñez. Interveu tamén Zé Paredes en representación de DramaturGA.

Segundo anunciou Anxo M. Lorenzo, nesta segunda edición a bolsa será bienal, co desenvolvemento da fase de dramaturxia en 2022 e a de creación en 2023. Apuntou tamén que se incrementa o prazo para a presentación do proxecto completo por parte de quen resulte adxudicatario ata os seis meses, así como a cantidade dotada ata os 6000 euros, un 50% máis que en 2021.  
 
A convocatoria, á que se pode acceder a través da web da Agadic, diríxese a persoas e entidades dedicadas de xeito profesional ao teatro e que desenvolvan a súa actividade maioritariamente en Galicia. A solicitude deberá presentarse por medios electrónicos nun prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación, acompañada dunha memoria explicativa que inclúa o proxecto de escrita cun máximo de 10.000 caracteres, a traxectoria da persoa ou colectivo que participa e unha carta de motivación.
 
Segundo sinalou o secretario xeral, a medida “nace do diálogo, da unión e da colaboración entre o sector e a Xunta no marco do apoio ás artes escénicas e á dramaturxia contemporánea”. Nesta liña, referiuse a aposta que está a facer o CDG pola escrita dramática actual nas súas producións, como é o caso da estrea prevista para o 14 de abril,Ás oito da tarde, cando morren as nais. A peza leva a escena da man de Marta Pazos, como directora e autora da dramaturxia, o texto de AveLina Pérez recoñecido co Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais en 2018.
 
Recoñecemento aos gañadores de 2021
Ademais, a celebración do Día Mundial do Teatro incluíu o recoñecemento público aos gañadores da primeira edición da Bolsa de dramaturxia e creación, Ernesto Is, autor do texto Relato para un incendio, e a Xosé Leis e Bernardino Martínez, creadores da compañía aAntena, que montarán o espectáculo en coprodución co CDG. A profesora Dolores Vilavedra, en representación do Consello da Cultura Galega, e Jacobo Sutil fixeron entrega dos galardóns. Durante o acto, aAntena interpretou fragmentos da montaxe que estrearán na Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia no mes de xullo.
 
Xunto coa Bolsa de dramaturxia e creación, o Goberno galego promove cada ano diversas medidas de apoio ao sector teatral que van desde a creación á exhibición. Así, a mediados deste mes publicáronse as axudas á creación para compañías profesionais, cun orzamento de 800.000 euros, dos que máis da metade se reservan a propostas de teatro, novo circo e maxia, e as axudas para as salas privadas de exhibición escénica, dotada con 150.000 euros para impulsar unha programación de carácter profesional e a consolidación destes recintos.
 
A isto súmase a organización, xunto coa asociación Escena Galega, da feira profesional das artes escénicas Galicia Escena PRO, que este ano chega á súa novena edición, e a Rede Galega de Teatros e Auditorios, en colaboración con preto de 40 entidades locais.


-BASES REGULADORAS DA II BOLSA DE DRAMATURXIA E CREACIÓN