A produtora Control Z ultima os preparativos para a rodaxe en Galicia de 'Honeymoon' co apoio da Xunta

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuniuse co realizador galego Enrique Otero para coñecer os detalles da produción desta longametraxe, adxudicataria dunha subvención autonómica de máis de 230.000 euros

  As provincias de Ourense e Valladolid acollerán a filmación, que arrancará a primeiros de maio, con Nathalie Poza e Javier Gutiérrez á cabeza dun reparto con coñecidos nomes do audiovisual galego

A produtora Control Z ultima os preparativos para a rodaxe en Galicia de 'Honeymoon' co apoio da Xunta
[28/03/2022]
O equipo da longametraxe Honeymoon, nova produción cinematográfica do estudio galego Control Z, atópase inmerso nos preparativos da rodaxe que desenvolverá a partir do vindeiro 2 de maio en diferentes localizacións das provincias de Ourense e Valladolid. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, mantivo unha reunión co realizador Enrique Otero para interesarse polo avance deste proxecto, subvencionado pola Xunta con máis de 230.000 euros a través da convocatoria para producións e coproducións audiovisuais de 2019.

Nathalie Poza e Javier Gutiérrez son o dúo protagonista desta road movie, á cabeza dun reparto no que figuran outros coñecidos intérpretes galegos, como María Vázquez, Antonio Durán “Morris”, María Tasende, Miquel Insua ou Desiré Pillado. O tamén galego Roberto G. Méndez asina xunto ao propio Enrique Otero o guión desta historia sobre dous pais sen cartos suficientes para repatriar o cadáver do seu fillo, falecido en Estados Unidos. Para conseguilo, faranse pasar por vendedores de películas de debuxos animados. 
 
Control Z produce xunto a AccaMedia Productions esta longa, na que a Xunta tamén colabora a través do Xacobeo e para a que dispoñen ademais co apoio da TVG, a Deputación de Ourense e a Valladolid Film Commission. Ao tempo, a compañía galega ten en proceso outros dous proxectos para os que conta igualmente con subvención autonómica: o documental Kevin vs Ray e a curtametraxes O Affair.
 
Plan anual de axudas ao audiovisual galego
Nos tres casos, a contribución do Goberno galego enmárcase na liña de axudas para producións e coproducións audiovisuais, da quea Consellería de Cultura, Educación e Universidade acaba de abrir unha nova convocatoria dotada con 2,5 millóns de euros como parte do seu programa anual de axudas ao sector. Nel inclúense, así mesmo, as dirixidas ao desenvolvemento de proxectos, o impulso ao talento, a comercialización e difusión de obras audiovisuais e a organización de festivais.

A esta planificación súmanse as novas medidas do Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta, un programa de apoio sen precedentes que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do audiovisual e do resto das industrias culturais galegas. As súas diferentes iniciativas sumarán un investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.