Pontevedra acolle a apertura das VI Xornadas de Industrias Musicais organizadas pola Fundación Paideia e a Xunta de Galicia

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou nesta primeira sesión do ciclo A volta IN-perfecta, na que se abordou o proceso de creación dunha canción na actualidade

  As próximas citas terán lugar en Ourense o 28 de abril e en Vigo o 26 de maio, centradas respectivamente na importancia da imaxe dos artistas e nas fases para presentar en directo un proxecto musical

Pontevedra acolle a apertura das VI Xornadas de Industrias Musicais organizadas pola Fundación Paideia e a Xunta de Galicia
[31/03/2022]
A Fundación Paideia Galiza conta un ano máis co apoio da Xunta de Galicia na organización do ciclo de Xornadas de Industrias Musicais, que esta tarde iniciou en Pontevedra a súa sexta edición, bautizada como A volta IN-perfecta. O retorno da música na nova era. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participou nesta sesión de apertura, na que enmarcou esta colaboración no compromiso que o Goberno galego comparte con Paidea a prol dunha maior profesionalización no ámbito da música emerxente.

“A través desta valiosa alianza, levamos xa desenvolvidas nos últimos cinco anos unha quincena de sesións ás que sempre lles quixemos aplicar un perfil marcadamente profesional”, sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación Universidade, quen amosou a súa satisfacción pola incorporación de Pontevedra como sede dos encontros, seguindo co modelo de itinerancia por diferentes localidades galegas.
 
O espazo Nemonon acolleu esta primeira xornada do ciclo, A canción IN-perfecta, que estivo moderada pola cantante, compositora e produtora Wöyza. Para abordar os retos e oportunidades da industria musical na súa reactivación tras os momentos máis complicados da pandemia, contouse coas intervencións de Campi Campón, músico, enxeñeiro e produtor para artistas como Vetusta Morla, Xoel López ou  Morgan, e Kaki Arkarazo, músico, instrumentista e produtor musical de grupos como Os Diplomáticos de Monte Alto, Amparanoia, Betagarri ou Banda Bassotti.
 
Showcase de Paraíso Canto
Ademais, como vén sendo habitual nas últimas edicións das xornadas, os asistentes puideron gozar tamén do directo dunha banda emerxente galega, que neste caso correu a cargo do dúo pontevedrés Paraíso Canto.
 
Ourense e Vigo serán as próximas paradas deste ciclo baixo os título A imaxe IN-perfecta e O directo IN-perfecto, respectivamente. A cita ourensá terá lugar o 28 de abril para abordar a importancia da imaxe dos artistas á hora do lanzamento dos seus traballos, mentres que a de Vigo se celebrará o 26 de maio e analizará as diferentes fases para garantir o éxito dun proxecto musical no seu salto ao directo. En ambos os casos, o prazo de inscrición abrirase proximamente na web https://www.paideia.es/vi-xornadas-industrias-musicais/.
 
O ciclo está dirixido tanto a artistas como ao resto de profesións vinculadas ao sector, como persoal técnico, managers ou programadores, co obxectivo −tal e como sinalou Sutil− de “contribuír á capacitación do sector, brindándolle ferramentas e experiencias útiles para o desenvolvemento da súa actividade nas mellores condicións, tanto artísticas como de rendibilidade social e económica”.
 
O responsable de Industrias Culturais da Xunta explicou que a colaboración coa Fundación Paideia se concreta nun convenio anual, recentemente renovado, e se estende ademais á organización do concurso Sonidos Mans para o impulso de bandas emerxentes.