A Xunta convoca as compañías galegas a presentar os seus espectáculos para Galicia Escena PRO 2022

  O mercado galego de artes escénicas reunirá os profesionais do sector en distintos espazos de Santiago de Compostela do 6 ao 9 de xuño

  A Axencia Galega das Industrias Culturais e a asociación Escena Galega comparten a organización da novena edición do evento

A Xunta convoca as compañías galegas a presentar os seus espectáculos para Galicia Escena PRO 2022
[06/04/2022]
Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta, abre ata o 18 de abril o prazo de presentación de  propostas para a súa novena edición, que se celebrará do 6 ao 9 de xuño en Santiago de Compostela cunha vintena de espectáculos producidos en Galicia na carteleira e distintas actividades de promoción das artes escénicas do país entre os axentes culturais que se acrediten no evento.
 

A través da organización compartida entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, e a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), Galicia Escena PRO 2022 ofrecerá catro días de programación practicamente ininterrompida entre os escenarios do Salón Teatro, o Teatro Principal, o Auditorio Abanca e outras localizacións ao aire libre. Seguirase o modelo inaugurado o pasado ano, no sentido de que só o público profesional poderá acceder aos espazos pechados, e continuarase a impulsar a Zona PRO como epicentro de encontro interprofesional e de negocio.
 
As compañías de teatro, danza, circo ou maxia poden presentar as súas propostas para conformar a escolma de títulos participantes en Galicia Escena PRO, que serán escollidos por unha comisión de profesionais do sector nomeada por Escena Galega e coa finalidade de configurar unha programación variada, equilibrada e de calidade. O rexistro debe realizarse a través dos formularios en liña da web www.galiciaescenapro.gal.
 
A selección resultante combinará a exhibición en formato completo coas presentacións rápidas tipo pitching. Ambas modalidades están abertas á inclusión de espectáculos de produción galega de calquera disciplina escénica, sempre que foran estrados entre o 1 de xuño de 2021 e o 6 de xuño de 2022. Na convocatoria contémplase a posibilidade da acollida de estreas absolutas durante a celebración de  Galicia Escena PRO. Ademais ás tres xornadas de pitching poderán concorrer tamén proxectos pendentes de estrea.