O director de Industrias Culturais subli˝a a aposta pioneira do Carballo Interplay polos contidos dixitais

  Jacobo Sutil participou hoxe na apertura da novena edición do festival, que congrega ata o 9 de abril algunhas das máis destacadas voces do panorama dixital e audiovisual español

  O programa deste ano préstalle especial atención ao formato podcast con emisións en directo, paneis, obradoiros e encontros de podcasters

  A Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén o seu compromiso cos principais festivais profesionais do sector audiovisual a través da convocatoria anual de subvencións, que en 2022 ascende a 210.000 euros

O director de Industrias Culturais subli˝a a aposta pioneira do Carballo Interplay polos contidos dixitais
[06/04/2022]
O festival de contidos dixitais Carballo Intreplay celebrou esta tarde a apertura da súa novena edición, que se desenvolve no Pazo da Cultura e noutros puntos da capital bergantiñá ata o vindeiro 9 de abril. En nome da Xunta de Galicia, interveu neste acto o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen compartiu escenario coa directora do evento, Sonia Méndez, e cos representantes do resto das entidades organizadoras e colaboradoras.
 
O responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou o valor engadido que o certame carballés lle achega ao panorama galego de festivais coa súa especialización pioneira nos contidos e formatos dixitais: “A súa dedicación monográfica ao eixo dixital, non só como canle de distribución senón tamén como código básico para a creación, ofrece características tan necesarias e urxentes como a conexión cultural coa xuventude e brinda unha manchea de novas posibilidades para a expresión artística desde o audiovisual”, afirmou.
 
Apoio estratéxico
Como encontro estratéxico para o sector, o Carballo Interplay vén contando nos últimos anos co apoio económico da Xunta a través da convocatoria de axudas a festivais audiovisuais de carácter profesional. Tal e como sinalou Sutil, a liña de subvencións do Goberno galego para o impulso deste tipo de certames consolídase e mesmo medra cada ano, cun orzamento que en 2022 ascende a 210.000 euros.
 
Nomes tan coñecidos do panorama dixital español como Elizabeth Duval, Ana Polo, Inés Hernand, Asaari Bibang, Andera Gumes ou Eugenia Tenembaum danse cita en Carballo para abordar as novas tendencias audiovisuais na internet e nas redes sociais. Ademais, nesta novena edición concédeselle un especial protagonismo ao formato podcast, que centrará boa parte da programación profesional con palestras, obradoiros, encontros de podcasters e emisións en directo, como a de Tardeo, conducido pola xornalista cultural Andrea Gumes en Radio Primavera Sound.
 
Na grella desta novena edición, teñen tamén un lugar destacado diferentes proxectos que empregan a rede como altofalante para o activismo, a divulgación e o feminismo, sen esquecer os xa habituais espazos dedicados ás webseries. A este último formato corresponden os 16 títulos, catro deles galegos, que competirán nas diferentes categorías da sección oficial do Carballo Interplay: Outras historias, Movidas humanas e Mix de trasnadas.

Imaxe: Leo López