O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participa na presentación da quinta edición desta iniciativa organizada pola Asociación Cultural Aïs

A Xunta renova o seu apoio ao festival RESIS, que reunirá na Coruña ata xuño destacados intérpretes internacionais de música contemporánea

  O Museo de Belas Artes acollerá en maio a estrea en España de varias pezas musicais pertencentes a Yoko Ono e Georges Aperghis, entre outros artistas

  Exhibirase o traballo realizado froito do programa das residencias artísticas da Cidade da Cultura a cargo de Igor C. Silva e Arxis Ensemble

  Sutil salienta o obxectivo compartido co Goberno autonómico de promover o talento e intercambio profesional ao tempo que se difunde a cultura entre todos os públicos

A Xunta renova o seu apoio ao festival RESIS, que reunirá na Coruña ata xuño destacados intérpretes internacionais de música contemporánea
[11/04/2022]
A Xunta renova un ano máis a o seu apoio ao festival de música contemporánea RESIS, que arrancará o vindeiro 21 de abril e reunirá ata xuño na Coruña destacados intérpretes nacionais e internacionais en distintos concertos, mesas redondas ou máster class e que incluirá, ademais, un proxecto didáctico inclusivo para persoas con discapacidade visual, entre outras actividades.
 
O director das Axencias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da quinta edición desta cita, organizada pola Asociación Cultural Aïs, na que salientou a aposta compartida coa Administración autonómica de promover entre todos os públicos a cultura contemporánea, impulsar a investigación e debate e promover o talento.
 
Neste sentido, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade explicou que o apoio ao RESIS insírese no traballo que se está a realizar desde a Xunta por impulsar a proxección artística profesional de novos autores apoiando a consolidación das súas carreiras a través de premios, certames e apoio a ciclos musicais como o presentado hoxe que, entre outras accións, incluirá algúns dos traballos de novos artistas xurdidos ao abeiro do programa de residencias artísticas do Gaiás.
 
Valorou tamén que o RESIS promova o intercambio profesional se celebre en distintos espazos públicos, singulares e de acceso gratuíto da Coruña algo que contribuirá, engadiu, a estender e promover a cultura entre todos os públicos.

Estreas
O primeiro concerto Gran Torso IV do Cuarteto Gerhard, terá lugar o 23 de abril na Igrexa das Capuchinas e un día antes comezará na Fundación Luis Seoane a mostra do traballo froito da residencia artística do Gaiás, con Igor C. Silva e Arxis Ensemble. O Museo de Belas Artes acollerá o 8 de maio o concerto COLD TRIP de Lab 51, suporá a estrea en España de varias pezas musicais pertencentes a Georges Aperghis e Yoko Ono, entre outros artistas. 
 
Dos sete concertos previstos inclúese tamén Pléïades, a homenaxe polo centenario do compostor Iannis Xenakis, o 14 de maio no Castelo de Santo Antón a cargo de Arxis Ensemble. Será a estrea en Galicia e suporá un irmandamento coa Filarmónica de París, que lle adica este ano unha exposición ó compositor grego. A formación Arxis Ensemble debuta nesta edición, xa que é unha nova formación coruñesa de música contemporánea que nace ó amparo do RESIS.
 
Mesas redondas e proxectos inclusivos
O Concerto SIGMA, de Sigma Project, levará á DOMUS o 21 de maio pezas de Alberto Posadas, José María Sánchez Verdú e Helga Arias -todas elas estreas en Galicia-; de Víctor Ibarra, cunha estrea en España, e de Raphael Cendö, cunha estrea europea.  Baixo o título AKUSMATA, a formación Cantando Admont estreará en España varias pezas de Beat Furrer. Será o 28 de maio na Igrexa de Santiago.
 
O Teatro Colón  acollerá o 2 de xuño o concerto AKRATA, da Banda Municipal da Coruña, que estreará pezas de Miguel Matamoro, Xenakis, Xavier Gelabert e Voro García. Como concerto de clausura, o NATURA RENOVATUR da Camerata da Orquestra Sinfónica de Galicia estreará pezas nunca antes tocadas de Giacinto Scelsi, Waldimir Rosinskij –que escribiu unha obra en exclusiva para o RESIS-, Xenakis e Wolfgang Rihm.
 
A programación complétase con mesas redondas, máster class, un proxecto didáctico inclusivo para persoas con discapacidade visual, entre outras actividades. Todas elas poden consultarse en www.resisfestival.com.