O Hub Audiovisual da Xunta impulsa a filmación da película '13 Exorcismos' cun compromiso de gasto de 1.750.000 euros

  O director de Industrias Culturais participou na presentación desta longametraxe, que conta co apoio do Goberno galego mediante unha achega de 350.000 euros do fondo de rodaxes do Hub

  A produtora Bambú alíase con Atresmedia Cine e Mr Fields & Friends para levar a cabo este proxecto cun equipo maioritariamente galego e coas interpretacións protagonistas de María Romanillos, Ruth Díaz, Urko Olazabal e Pablo Revuelta

  A cidade de Ourense concentra a meirande parte das localizacións deste filme de terror, inspirado no último caso de exorcismo documentado en España no ano 2014

O Hub Audiovisual da Xunta impulsa a filmación da película '13 Exorcismos' cun compromiso de gasto de 1.750.000 euros
[19/04/2022]
O equipo da película 13 Exorcismos atópase xa en Galicia para iniciar mañá mesmo a súa rodaxe, que concentrará a meirande parte das localizacións en Ourense. A Xunta impulsa a filmación desta longametraxe de terror cunha subvención de 350.000 euros a través do fondo de atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Industria Cultural, un dos grandes proxectos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade para o trienio 2021-2023. Este investimento público implica, á súa vez, un compromiso de gasto de 1,75 millóns de euros na nosa Comunidade por parte das empresas implicadas.
 

Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturas, Jacobo Sutil, quen participou na presentación desta nova produción galega, encabezada pola compañía Bambú Producciones xunto con Atresmedia Cine e Mr Fields & Friends. Ademais de  Sutil, interviñeron no acto Ramón Campos, cofundador de Bambú e produtor executivo de 13 Exorcismos, e os actores Ruth Díaz e Urko Olazabal, premio á mellor interpretación masculina de reparto na pasada edición dos Goya. Ambos protagonizan o filme xunto a María Romanillos e Pablo Revuelta.
 
Na súa intervención, Ramón Campos cualificou 13 Exorcismos como a grande aposta de Bambú polo xénero da longametraxe de ficción para este ano e expresou o seu contento e ilusión polas oportunidades para o audiovisual que se están brindando en Galicia. Neste sentido, expresou que os títulos galegos están cada vez máis presentes nas televisións nacionais e internacionais, “e iso é grazas a apostas como esta da Xunta”, engadiu.
 
Equipo galego
Ademais da cidade de Ourense e doutros puntos da provincia, o equipo da película tamén traballará en Ordes (A Coruña), onde recreará a casa familiar desta historia de terror, para a que os seus creadores se inspiraron no último caso de exorcismo documentado en España, no ano 2014.
 
Xunto con esta rodaxe 100% galega, o proxecto conta cunha ampla nómina de profesionais do país, que encabeza o director do filme, o coruñés Jacobo Martínez, recoñecido por ser o responsable de fotografía de series como Gran HotelVelvet ou Gran reserva e que asume en 13 Exorcismos a súa segunda dirección audiovisual despois da realizada para Jaguar.
 
Ademais de Martínez, forman parte do equipo galego a directora de produción, Tamara Soto; a xefa de perruquería, Mara Collazo, ou os propios produtores executivos, Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Sara Gonzalo, así como varios dos membros do elenco interpretativo, como Cristina Castaño, e arredor de 350 figurantes.
 
13 Exorcismos é un dos catro proxectos subvencionados a partir da primeira convocatoria do fondo de atracción de rodaxes, dotada con dous millóns de euros e coa que o Hub Audiovisual da Xunta botaba a andar en setembro de 2021. As series Rapa  e Argonautas, de Portocabo, e Hasta el cielo, de Vaca Films, son os outros títulos adxudicatarios desta liña de apoio, que terá continuidade este mesmo ano cunha segunda publicación pola mesma contía.
 
Programa sen precedentes
O Hub Audiovisual da Industria Cultural esta a supoñer un programa de apoio sen precedentes para acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do sector en Galicia, que se traducirá nun investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
 
Ademais deste incentivo para converter Galicia nun escenario habitual de rodaxes cinematográficas e televisivas, xa están en marcha outras importantes accións ao abeiro do Hub como as axudas para o desenvolvemento de grupos de proxectos audiovisuais ou o polo de aceleración do sector dos videoxogos, ás que se irán sumando proximamente iniciativas como un fondo para o desenvolvemento de proxectos de videoxogos, unha liña específica para o talento musical, a plataforma Galicia Film Commission ou un fondo transversal para o conxunto da industria cultural son outras das principais iniciativas que serán desenvolvidas proximamente.