O programa da Xunta 'Galicia PRO Filme' aborda as estratexias para ampliar o mercado audiovisual cara a Europa

O programa da Xunta 'Galicia PRO Filme' aborda as estratexias para ampliar o mercado audiovisual cara a Europa
[20/04/2022]
A Cidade da Cultura de Galicia acolleu esta tarde unha nova sesión de Galicia PRO Filme, programa formativo da Xunta para profesionais da industria audiovisual galega, baixo o título Audiovisual con perspectiva europea. Os directores da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e da Oficina Media España, Peter Andermatt, foron os encargados de presentar este relatorio, impartido polo dinamarqués Thomas Gammeltoft, director creativo da compañía True Content Entertainment, coa que está a desenvolver unha decena de proxectos maioritariamente dirixidos ao amplo mercado televisivo europeo.

Os representantes dunha ducia de empresas galegas do sector asistiron a este encontro con Gammeltoft, quen conta cunha ampla e recoñecida traxectoria na produción de longametraxes, pola que foi tres veces candidato aos Oscar. A súa intervención centrouse na importancia de adoptar unha perspectiva europea tanto desde o punto de vista da creación ou da produción, como desde as entidades de financiamento público. Abordou, neste sentido, diferentes estratexias na procura de ampliar mercados e acceder a audiencias cada vez máis diversificadas.