A Xunta celebra o décimo aniversario do ciclo 'Danza 3' con 15 actuacións no marco do Xacobeo 21-22

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e os representantes de Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos renovan o convenio de colaboración para a difusión conxunta do baile a música tradicionais

  Lalín acolle este sábado a primeira das funcións, que se estenderán ata setembro por Ribeira, Guitiriz, San Sadurniño, Allariz, Mos, Marín, Cervo, Vilanova de Arousa, Carnota, Noia, Ribadavia, Vilalba, Sanxenxo e Mondoñedo

A Xunta celebra o décimo aniversario do ciclo 'Danza 3' con 15 actuacións no marco do Xacobeo 21-22
[21/04/2022]
O programa da Xunta de Galicia Danza 3 Xacobeo 21-22 arranca este sábado 23 en Lalín coa actuación que O Fiadeiro ofrecerá ás 21,00 h. no campo da feira. Dá comezo así a décima edición deste ciclo para a difusión do baile e a música tradicionais, que un ano máis se leva a cabo no marco do convenio de colaboración subscrito polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e os representantes das agrupacións integrantes do colectivo XOC: Xacarandaina da Coruña, O Fiadeiro de Vigo e Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.

Neste décimo aniversario serán 15 as actuacións que se desenvolverán ata o mes de setembro noutros tantos concellos das catro provincias, tamén implicados na organización desta edición: Carnota, Noia, Ribeira e San Sadurniño na Coruña; Cervo, Guitiriz, Mondoñedo e Vilaba en Lugo; Allariz e Ribadavia en Ourense, e Lalín, Marín, Mos, Sanxenxo e Vilanova de Arousa en Pontevedra. Na meirande parte dos casos, as citas terán lugar en localizacións ao aire libre para exhibir a pé de rúa unha mostra do amplo repertorio das devanditas formacións.

Calendario de actuacións
Así, tras a función desta fin de semana en Lalín, O Fiadeiro ofrecerá no mes de xullo outros tres espectáculos de danza tradicional en Allariz (día 10), Mos (día 15) e Marín (día 16), ademais dunha actuación musical o 6 de agosto en Ribadavia.
 
A agrupación compostelá Cantigas e Agarimos iniciará a súa participación neste 10º Danza 3 co espectáculo musical que ofrecerá o 14 de maio en Ribeira. Neste percorrido, visitará tamén Vilanova de Arousa (17 de xullo), Carnota (24 de xullo), Sanxenxo (27 de agosto) e Mondoñedo (11 de setembro).
 
Pola súa banda, Xacarandaina ten previstas outras cinco actuacións en Guitiriz (28 de maio), San Sadurniño (3 de xullo), cervo (17 de xullo), Noia (24 de xullo) e Vilalba (21 de agosto), esta última coa súa formación musical.
 
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade renova así a súa colaboración anual co colectivo XOC, integrado por estas tres asociacións culturais que traballan para lle dar visibilidade ao folclore galego, tanto a través das actividades de exhibición que realizan dentro e fóra das súas sedes como dos cursos de formación e de recuperación desta parte do patrimonio inmaterial galego.