O festival '6coreógrafas' regresa á Estrada da man da Xunta e o Concello para celebrar o Día da Danza

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, recibiu o concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Manuel Constenla; á directora artística do evento, Paula Quintas, e ao seu produtor, Manu Lago

  O programa desenvolverase o 29 e o 30 de abril arredor dos espectáculos SET de Paula Quintas Cía., Pink Unicorns de La Macana, Pel continua de Pisando Ovos e Mortais e vulnerables de Furia Sotelo, ademais de ofrecer obradoiros e encontros co público

O festival '6coreógrafas' regresa á Estrada da man da Xunta e o Concello para celebrar o Día da Danza
[27/04/2022]
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, recibiu na Cidade da Cultura de Galicia o equipo organizador do festival 6coreógrafas, que se desenvolverá o venres 29 e o sábado 30 de abril na Estrada. A Xunta de Galicia volve colaborar co Concello da localidade pontevedresa na organización desta mostra, que celebra o Día Internacional da Danza con catro espectáculos galegos, ademais de con obradoiros e encontros dos artistas co público.
 
O concelleiro de Cultura da Estrada, Juan Manuel Contenla; a directora artística de 6coreógrafas, Paula Quintas, e o produtor Manu Lago participaron neste encontro co responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ao que lle trasladaron os obxectivos e expectativas desta segunda edición do evento. Con ela, dáselle continuidade a esta iniciativa de promoción da danza que botou a andar en 2021 como parte do proxecto de recuperación co que a súa directora se presentou á convocatoria extraordinaria de axudas para o impulso do sector escénico fronte aos efectos da crise sanitaria.
 
O programa deste ano dará comezo o día 29 coa peza multidisciplinar SET, que Paula Quintas Cía. escenificará ás 20,00 h. na Alameda ou no Mercado, en caso de choiva. Seguiralle Pink Unicorns, de La Macana en coprodución co Centro Coreográfico Galego, ás 21,00 h. no Teatro Principal, que acollerá a continuación o primeiro dos encontros cos artistas participantes na mostra.
 
Talleres para todos os públicos
O sábado arrancará cos dous obradoiros inseridos no programa desta edición. Nuria Sotelo impartirá o primeiro deles, que dará comezo ás 10,00 h. cun grupo de alumnas da terceira idade creado a partir do traballo de mediación iniciado co proxecto orixinario de 6coreógrafas. Xa pola tarde, ás 17,00 h., Alba Fernández Cotelo conducirá un taller dirixido á cativada, adolescentes e alumnado da Escola Municipal de Artes Escénicas, así como de diferentes escolas da Estrada vinculadas á danza urbana e contemporánea.
 
As representacións retomaranse ás 20,00 h. na Alameda con Pisando Ovos e a súa proposta performativa Pel continua, para se trasladar despois ao Teatro Principal, onde ás 21,00 h. terá lugar a función de Mortais e vulnerables, o novo espectáculo de Furia Sotelo. Este será tamén o escenario do segundo encontro cos artistas co que chegará á súa fin esta nova edición do festival.