Novas
A Xunta aborda os contidos dixitais e novos media en Galicia a través da visión de cinco empresas do sector



[02/05/2022]
O programa Galicia ProFilme, desenvolvido pola Xunta para a formación e intercambio profesional no eido audiovisual, reuniu na Cidade da Cultura representantes de cinco firmas galegas do ámbito dos contidos dixitais e novos media para expoñer as diferentes facetas da creación dixital na nosa Comunidade e contribuír á visibilidade do colectivo como sector en alza.Nunha xornada aberta tamén á participación de público xeral, Jacobo Sutil, director de Industrias Culturais da Xunta, e mais Manuel Meijide, director de Mundos Digitales ─evento que se celebra cada ano na Coruña dedicado á animación, efectos visuais e novos media─,recibiron os participantes de cinco firmas galegas cunha destacada actividade: Antaruxa, UrbanSimulations, Avestudio, Manu Viqueira e Sygnatia.
Os relatores explicaron as súas experiencias propias e compartiron o visionado de vídeos ilustrativos sobre os seus proxectos más recoñecidos, que segundo os casos van desde o modelado en 3D, infografía, animación fotográfica, motion graphics, desenvolvemento de apps, accións de e-Commerce ou innovación web ata a especialización en aplicacións arquitectónicas dixitais, clips musicais ou efectos visuais deseñados por computador.
A xuntanza celebrouse, ademais, nun contexto no que a Xunta de Galicia, a través do seu Hub Audiovisual, está a apostar polo dixital como elemento indisociable das industrias culturais e a vertebrar subsectores como os videoxogos, cunha liña de subvencións específica e a posta en marcha dun polo de aceleración de proxectos.
Esta é a terceira convocatoria de 2022 no marco de Galicia ProFilme, despois de que nas pasadas semanas este programa ofrecera xa dúas citas centradas na estratexia audiovisual con proxección europea, a cargo do produtor dinamarqués Thomas Gammeltoft, e na realización de produtos infantís para televisión, a cargo de Yago Fandiño, director de contidos infantís de Clan e de TVE.