A Xunta adxudica 1,2 millˇns de euros en axudas para modernizar 46 teatros, auditorios e salas de toda Galicia

  O departamento de Industrias Culturais publica na súa web a concesión da primeira das convocatorias do programa para a mellora das infraestruturas de artes escénicas e musicais, da que se benefician 26 entidades privadas e 20 públicas

  A dixitalización dos equipos de iluminación, vídeo e son e o reacondicionamento dos espazos centran a maioría destes proxectos de renovación

  Trátase dunha das liñas extraordinarias de subvencións ao sector cultural galego ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU, que terá continuidade cunha segunda publicación este mesmo ano

A Xunta adxudica 1,2 millˇns de euros en axudas para modernizar 46 teatros, auditorios e salas de toda Galicia
[04/05/2022]
A Xunta de Galicia publica hoxe a resolución de adxudicación das subvencións para a modernización e xestión sustentable das infraestruturas de artes escénicas e musicais, a través da que inviste 1.200.000 euros na mellora de 46 teatros, auditorios e salas de toda a Comunidade, 26 deles privados e 20 de titularidade pública.

Trátase da primeira quenda de concesións no marco deste programa de apoio extraordinario, que terá continuidade cunha segunda convocatoria cara a finais de ano, en ambos casos baixo a xestión do departamento de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ao abeiro do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia dos Fondos Next Generation EU.
 
De acordo cos obxectivos de dixitalización, xestión sustentable e respecto medioambiental que persegue esta nova vía de apoio, a meirande parte dos proxectos subvencionados céntranse na renovación ou instalación de equipos dixitais de iluminación, vídeo e son, así como no reacondicionamento da caixa escénica ou na mellora dos sistemas de climatización, entre outras accións que deben levarse a cabo antes de que finalice 2022. A través delas, conseguirase tamén mellorar as condicións de traballo do persoal técnico e artístico, así como reforzar a calidade na exhibición dos espectáculos diante do público.
 
Espazos de 29 concellos
As destinatarias destas axudas son as entidades xestoras de espazos de exhibición de espectáculos de teatro, danza, música, maxia ou novo circo, tanto privadas como integrantes da Administración local, situadas en 29 concellos das catro provincias.
 
Así, na da Coruña impúlsase a mellora de 23 espazos: Teatro Rosalía Castro, Teatro del Andamio e salas Garufa, Gurugú, INN e Pelícano na cidade da Coruña, Auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro en Ames, Auditorio do Centro Cívico-Cultural de Arteixo, Auditorio Municipal Cine Alovi das Pontes, Casa da Cultura Ramón Martínez López e A Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro, Auditorio do Pazo da Cultura de Carballo, Sala La Room de Ferrol, A Ventana de Laxe, Auditorio do Pazo da Cultura de Narón, Teatro Coliseo Noela de Noia, Teatro da Beneficencia de Ortigueira, Sala Guión de Pontedeume, Auditorio do Centro Sociocultural de Rianxo, Auditorio da Casa de Cultura Pintor Lloréns de Sada,   Auditorio de Galicia e Sala Capitol de Santiago de Compostela e Casa da Cultura de Vimianzo.
 
Lugo conta con seis entidades adxudicatarias para proxectos en Foz (Sala Bahía) e na capital da provincia (Club Clavicémbalo e salas Jagger, Morango, Tebras e Zouk). No caso de Ourense, atópanse nesta listaxe o Pub Baranda do Barco de Valdeorras e o Teatro Principal da cidade das Burgas.
 
Por último, Pontevedra conta con 15 espazos subvencionados: Teatro Principal da Estrada, Discoteca Malizzia da Guarda, Sala Krazzy Kray de Cambados, Auditorio Municipal de Cangas, Auditorio Municipal de Lalín, Teatro Principal de Pontevedra, Pazo da Cultura Emilia Pardo Bazán de Sanxenxo, Sala Ártika, Teatro Afundación, La Fabrica de Chocolate Club, Teatro Ensalle, Circo Navidad, Sinatra Bar e Sala Kominsky de Vigo e Bianco de Vilagarcía de Arousa.
 
Ata o 80% do orzamento
As contías que recibirán a través desta convocatoria oscilan entre os 16.000 e os 40.100 euros por proxecto, chegando a subvencionarse ata o 80% do orzamento da proposta no caso dos espazos privados e o 70%, no das entidades públicas.

Ademais, estas axudas veñen complementar o apoio que reciben os espazos de exhibición escénica e musical a través de diferentes programas e circuítos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, como a Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Salas ou Rede Galega de Música ao Vivo, por medio dos que se contribúe ao mantemento dunha programación cultural descentralizada, estable e de calidade.
 
-Máis información