A Xunta pon en marcha coa asociaciˇn Videoxogo.gal o polo de aceleraciˇn deste sector ao abeiro do Hub Audiovisual

  O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, e a presidenta da Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos, Luz Castro, presentaron o convenio para a xestión deste programa, dotado con 360.000 euros

  O vindeiro día 11 publicarase a convocatoria para a selección da decena de novas empresas e profesionais emprendedores que se integrarán nesta iniciativa, encamiñada a axilizar a súa consolidación e a saída ao mercado dos seus produtos

  Trátase dunha das principais medidas do paquete integral de accións que o Hub destina á vertebración e desenvolvemento da industria galega dos videoxogos, cun investimento de preto dun millón de euros

A Xunta pon en marcha coa asociaciˇn Videoxogo.gal o polo de aceleraciˇn deste sector ao abeiro do Hub Audiovisual
[05/05/2022]
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade en funcións, Román Rodríguez, e a presidenta da Asociación Galega de Videoxogos e Contidos Interactivos Videoxogo.gal, Luz Castro, presentaron o convenio de colaboración mediante o que este colectivo se encargará da xestión do Polo de aceleración do sector dos videoxogos, que a Xunta de Galicia pon en marcha cunha dotación de 360.000 euros ao abeiro do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural.

A selección desta entidade para actuar como aceleradora de proxectos emprendedores é o resultado dun proceso público iniciado a finais do pasado mes de marzo como primeiro paso para o desenvolvemento do programa. A continuación, arrancará o procedemento para elixir unha decena de novas empresas e profesionais emprendedores galegos, que se integrarán neste polo a partir da convocatoria que será publicada no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 11 de maio.
 
Mentorización con profesionais de referencia
Esta nova iniciativa, encamiñada a axilizar a consolidación dos estudios seleccionados e a saída ao mercado dos seus produtos, arrancará cunha etapa de aceleración intensiva con consultorías individuais, grupais e accións de mentorización en eidos tanto tecnolóxicos como de márketing, dereitos ou financiamento, entre outros. Contarase para tal fin coa experiencia e o coñecemento de profesionais de referencia a nivel estatal e internacional, tanto nesta industria como noutras áreas do emprendemento.
 
Tamén está prevista a organización de actividades de innovación, de eventos de presentación de proxectos diante dos principais operadores do sector e dun programa para a xestión da mobilidade internacional con presenza nalgúns dos máis destacados mercados a nivel mundial, así como campañas de difusión e unha consultaría de seguimento.
Fondo de axudas ao desenvolvemento
A industria galega dos videoxogos está a ser por vez primeira obxecto dun paquete integral de medidas para favorecer a súa vertebración e desenvolvemento, cun investimento de preto dun millón de euros ao abeiro do Hub Audiovisual da Xunta. Ademais do devandito polo de aceleración, proximamente se convocará un fondo de axudas ao desenvolvemento de proxectos dotado con 500.000 €. Poderán optar a el tanto propostas de certa envergadura como outras de carácter menos comercial e, para a súa concesión, valoraranse criterios como a calidade do proxecto, a confirmación doutras fontes de financiamento, a capacidade de xeración de emprego ou o seu carácter cultural galego, entre outros aspectos.
 
Como medida complementaria para favorecer unha maior estruturación do sector, levarase a cabo un mapeo do ámbito dos videoxogos en Galicia para identificar as principais empresas, proxectos e capacidade de xeración de emprego. Este será, ao tempo, o inicio dunha nova vía de diálogo co sector, que se abrirá nos vindeiros meses co fin de optimizar desde unha perspectiva integral todas as actividades de promoción e impulso que se manteñen desde os distintos departamentos do Goberno autonómico.
 
Estas tres liñas de traballo conforman o núcleo do apoio a este sector no marco Hub Audiovisual da Industria Cultural, un programa extraordinario a través do que as industrias culturais galegas recibirán 9,6 millóns de euros ata 2023. Este investimento estase a executar través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.