O Festival Internacional de TÝteres de Redondela celebra a s˙a 23¬ ediciˇn con mßis de 60 citas en cartel

  O director de Industrias Culturais da Xunta, Jacobo Sutil, participou na presentación do programa que se desenvolverá do 12 ao 17 de maio no Multiusos da Xunqueira e nas prazas e rúas da localidade pontevedresa

  A mostra vén recibindo o apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través da súa convocatoria anual de axudas a festivais de artes escénicas e de música, cuxa convocatoria de 2022 se atopa en proceso de resolución

O Festival Internacional de TÝteres de Redondela celebra a s˙a 23¬ ediciˇn con mßis de 60 citas en cartel
[10/05/2022]
O Festival Internacional de Títeres de Redondela Memorial Juanjo Amoedo anunciou hoxe a programación completa da súa 23ª edición, que do 12 ao 17 de maio ofrecerá un intenso programa con máis de 60 funcións e actividades complementarias arredor do teatro de monicreques. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil, participou nesta presentación xunto aos representantes da organización, do Concello redondelán e doutras entidades colaboradoras nesta mostra, que nos últimos anos vén contando co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través do programa anual de subvencións a festivais de artes escénicas e de música.

Sutil anunciou que nestes momentos se están a ultimar os trámites cara á adxudicación destas axudas, dotadas con 550.000 euros, dos que 200.000 euros serán distribuídos entre mostras escénicas consideradas estratéxicas no seu ámbito.
 
En referencia ao certame redondelán, o responsable de Industrias Culturais da Xunta incidiu no seu labor de promoción e dignificación do teatro de monicreques, tanto dirixido a adultos como a rapaces, así como no valor engadido das súas actividades formativas e divulgativas cara á creación e fidelización de públicos para este xénero específico e para as artes escénicas en xeral.
 
Destacada representación galega
Destacou tamén a importante presenza de compañías galegas na súa programación, “feito que demostra que Galicia conta cunha oferta moi ampla e de moita calidade”, coa veterana compañía redondelá Tanxarina á cabeza e protagonizando, así mesmo, a exposición sobre os seus 40 anos de traxectoria. Outras formacións galegas en cartel son Catropés, Cascanueces Títeres, EducaTeatro, Mircromina Títeres, Paporrubio, Títeres Alakrán, Trécola Producións ou Viravolta Títeres.
 
En Redondela actuarán tamén agrupación procedentes de diferentes puntos de España (A Rioxa, Aragón, Cantabria, Castela e León, Madrid) e doutros seis países: Arxentina, Eslovenia, Francia, Portugal, Israel e Italia.
 
A esta vintena de compañías teatrais súmanse as 10 formacións encargadas de poñer música ao festival: Paco Nogueiras, Cía Latexo Percusión, Uxía Lambona e a Banda Molona, Cé Orquestra Pantasma, Pakolas, Breocáns, The Turre’s Band, Fanfarria Farruxa, Os Alecríns e Charanga Bicoia.
 
Como en anos anteriores, o Multiusos da Xunqueira será a sede da programación de sala, mentres que a de rúa desenvolverase en numerosas localizacións ao aire libre. Xunto coas funcións teatrais e os concertos, esta 23ª edición ofrece tamén a instalación Ingenii Machina, da compañía de Castela e León Alauda Teatro, o mercadiño titiriteiro e a habitual sección Títeres pola gorra, ademais da devandita exposición 40 anos de Tanxarina Títeres.

-Festival Internacional de Títeres de Redondela