Román Rodríguez visita o equipo da longametraxe 'Honeymoon' na recta final da súa rodaxe en Galicia

  O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades comprobou o avance da filmación da nova película de Enrique Otero, subvencionada pola Xunta con máis de 230.000 euros a través da convocatoria para produción e coprodución audiovisual

  A xornada desenvolveuse na urbanización A Palloza de Teo, unha das localizacións da área compostelá na que se está a desenvolver a gravación, tras o seu paso por Ourense, Culleredo, Arteixo, O Grove e Santiago, ata completar seis semanas na nosa Comunidade

  Nathalie Poza e Javier Gutiérrez protagonizan este thriller con tinturas de humor negro, á cabeza dun reparto con coñecidos nomes do audiovisual galego como María Tasende, María Vázquez, Antonio Durán “Morris” ou Miquel Insua

Román Rodríguez visita o equipo da longametraxe 'Honeymoon' na recta final da súa rodaxe en Galicia
[24/05/2022]
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou o equipo de Honeymoon, a nova longametraxe do realizador galego Enrique Otero, durante unha das súas últimas xornadas de rodaxe en Galicia que tivo lugar no set instalado na urbanización A Palloza, en Teo (A Coruña). Esta é unha das localizacións da área compostelá onde se está a desenvolver a filmación, tras o seu paso por Ourense, Culleredo, Arteixo, O Grove e Santiago de Compostela ao longo das súas seis semanas con 32 xornadas de traballo na nosa Comunidade.

A Xunta contribúe a este novo título do audiovisual galego cunha achega de máis de 230.000 euros á compañía ControlZ, produtora do filme xunto a AccaMedia, a través da convocatoria para producións e coproducións audiovisuais de 2019. O orzamento total da fita sitúase por riba dos 750.000 euros e esta subvención implica, así mesmo, que o seu gasto en bens e servizos dentro de Galicia superará os 280.000 euros, xa que debe supoñer cando menos o 120% da contía que lle foi concedida.
 
Destacada representación galega
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, acompañou o conselleiro nesta visita, onde foron recibidos polos responsables de ControlZ e Acca Media. Alí tiveron a oportunidade de saudar e intercambiar impresións co director Enrique Otero e os protagonistas do filme, Nathalie Poza e Javier Gutiérrez, á cabeza dun reparto no que figuran tamén destacados intérpretes galegos, como María Vázquez, María Tasende, Antonio Durán “Morris” ou Miquel Insua. Estes días súmanse ao equipo outros coñecidos nomes do audiovisual español, como Fernando Albizu e Pablo Derqui.
 
O tamén galego Roberto G. Méndez asina xunto ao propio Enrique Otero o guión deste thriller, contando a modo de roadmovie con tinturas de humor negro, sobre un matrimonio en crise e con problemas económicos que ten que repatriar o cadáver do seu fillo, falecido en Estados Unidos.
 
Xa no mes de xuño, o equipo de Honeymoon porá rumbo cara a Valladolid, onde está previsto que finalice a súa rodaxe sobre o día 10.
 
Plan anual de axudas ao audiovisual galego
A produtora ControlZ ten en proceso outros dous proxectos para os que conta igualmente con subvención autonómica: o documental Kevin vs Ray e a curtametraxes O Affair. Nos tres casos, a contribución do Goberno galego enmárcase na liña de axudas para producións e coproducións audiovisuais, dentro da que se atopa en proceso de resolución a convocatoria de 2022,dotada con 2,5 millóns de euros como parte do programa anual de axudas ao sector da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Nel inclúense, así mesmo, as dirixidas ao desenvolvemento de proxectos, o impulso ao talento, a comercialización e difusión de obras audiovisuais e a organización de festivais.

A esta planificación súmanse as novas medidas do Hub Audiovisual da Industria Cultural da Xunta, un programa de apoio sen precedentes que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais do audiovisual e do resto das industrias culturais galegas. As súas diferentes iniciativas sumarán un investimento de 9,6 millóns de euros ata 2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.