Novas
O Centro Dramático Galego e Sarabela Teatro estrean a coprodución 'Asemblea xeral' este venres no Barco de Valdeorras




[24/05/2022]
O Centro Dramático Galego (CDG) estrea este venres no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras a coprodución Asemblea xeral, de Sarabela Teatro. Así se anunciou hoxe nunha rolda de prensa na que participou o director da unidade teatral da Xunta, Fran Núñez. Así, a sesión inaugural da montaxe terá lugar ás 21,00 h. na vila natal e no espazo que leva o nome do coautor do texto, que se leva a escena con dirección de Fina Calleja. As entradas poden adquirirse de xeito anticipado no establecemento local Ton y Son e no propio día no despacho de billetes desde unha hora antes do inicio.Asemblea xeral é un espectáculo dirixido a público familiar cuxa escrita orixinal é do autor valdeorrés Lauro Olmo, de quen se conmemora o centenario, e de Pilar Enciso. Baséase na fábula de La Fontaine Os animais apestados, a partir da que se constrúe unha trama traxicómica que pon en evidencia os mecanismos de poder que presiden os réximes sociais autoritarios. A peza foi galardoada co premio Manuel Espinosa e Cortina da Real Academia Española da Lingua como mellor obra estreada no quinquenio 1977-1981. Nela, os animais sofren a peste e, crendo que é un castigo do ceo, buscan un culpable para sacrificalo. Con este fin acordan unha asemblea xeral onde cada un confesará as súas faltas.
A montaxe levada a escena por Sarabela Teatro coa versión de Fernando Dacosta e Fina Calleja conta no seu elenco con Fernando Dacosta, Sabela Gago, Fran Lareu, Héctor Martínez e Elena Seijo. O equipo complétano Amenosde7metros no deseño e realización da escenografía, José Manuel Bayón no de luz, Tegra e Lele no de vestiario e Renatta Coda Fons no espazo sonoro, con arranxos musicais de Ramón Raíndo.
Promoción do teatro entre a rapazada
Segundo sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, con esta nova coprodución, a unidade teatral da Xunta quere apostar pola promoción do teatro entre o público infantil, a prol da creación de novas audiencias. Nesta liña, referiuse a diversas medidas que está a desenvolver o Centro Dramático Galego, como funcións para centros de ensino na xira da súa última produción Ás oito da tarde, cando morren as nais ou o programa de visitas guiadas en liña ao Salón Teatro de Santiago de Compostela, destinado tamén a escolares.
Asemblea Xeralé a sexta e última das coproducións programadas polo Centro Dramático Galego para este primeiro semestre do ano. Súmase así a Come and Go, de Helena Salgueiro; O péndulo, de Inversa Teatro; Rastros, de Condetrespés; os dous novos volumes de Clásicas desfeitas, en coprodución coa Cidade da Cultura de Galicia e a cargo das compañías Galeatro e Moving Compass, e Continente María, con Ainé Producións, que está esta semana no Salón Teatro de Santiago no marco da programación da Xunta de Galicia polo centenario da actriz María Casares. O obxectivo é dinamizar a actividade escénica e a creación de público en todo o territorio, así como reforzar a colaboración pública e privada no eido teatral.
Novas producións en marcha
De cara ao segundo semestre, a unidade teatral da Xunta puxo xa en marcha novas producións propias, co inicio do proceso para a selección de 18 intérpretes. Trátase de tres montaxes que verán a luz a partir de setembro e ao longo do primeiro semestre de 2023. Os seus títulos provisionais son Recortes, caneos e outras formas de driblar, Shakespeare en Roma e Un hotel de primeira sobre o río.