Novas
A Xunta colabora coa gala dos Premios de Teatro María Casares na que a lembranza da actriz no seu centenario será o eixo temático




[31/05/2022]
O Teatro Rosalía Castro da Coruña acolle este xoves día 2 de xuño a gala de entrega dos XXVI Premios de Teatro María Casares, que terán como fío condutor a lembranza da actriz que lles dá nome co gallo da conmemoración do centenario do seu nacemento na capital coruñesa. Así o adiantou hoxe a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que volve contar coa contribución económica da Xunta de Galicia para a convocatoria dos seus galardóns, que poñen en valor o traballo dos profesionais do teatro galego ao longo do pasado ano.O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou este mediodía na presentación do evento xunto cos representantes da organización e do resto das entidades colaboradoras. Na súa intervención, sinalou que a Xunta intensifica este ano a súa achega económica ao convenio coa AAAG para o desenvolvemento tanto da gala, que recupera o formato e a capacidade anteriores á pandemia, como das súas actividades paralelas.
Apoio económico a 12 dos espectáculos finalistas
O responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades felicitou os profesionais artífices dos 14 espectáculos finalistas este ano. Amosou, así mesmo, a súa satisfacción polo feito de que 12 destas montaxes fosen levadas a escena coa implicación económica da Xunta, ben como producións propias do Centro Dramático Galego (Terceiro acto, O charco de Ulises e Serva me, servabo te) ou coproducións (A lúa vai encuberta, xunto a Incendiaria e A Quinta do Cuadrante), ben a través da convocatoria anual de subvencións á creación escénica: Cigarreiras, de Contraproducións e Teatre Romea; Othello, de Voadora; Comando Comadres, de Matrioshka Teatro; A parábola do angazo, de Talía Teatro; Morgana en Esmelle, de Sarabela Teatro; A cazola de Lola, de Tanxarina; Soga e cinsa, de Aporía Escénica, e Cubo, de Elefante Elegante.
A relación de candidaturas complétase coas de Quixote, de Pedras de Cartón, e Hugo, de Os Náufragos Teatro, de xeito que son 14 as propostas que competirán nas 14 categorías convocadas este ano. Ademais, durante a gala homenaxearase o autor, director e actor Lino Braxe, a quen se lle concedeu o Premio de Honra Marisa Soto a título póstumo.
Carlos Álvarez-Ossorio dirixe nesta ocasión a gala de entrega dos premios, na que as actrices Marián Bañobre, Nerea Brey, Marta Pérez, Rosa Puga Davila, Mónica de Nut e Sheyla Fariña poranlle voz ás palabras da propia María Casares, mentres que o grupo Proxecto X será o encargado da música en directo.
Ao longo da cerimonia irase retratando a traxectoria de Casares a través de catro etapas vitais (a infancia, o exilio, a guerra e o teatro como patria), en lembranza da mítica actriz da escena francesa, quen en 1996 lle cedeu o seu nome á Asociación de Actores e Actrices de Galicia para a celebración dos seus premios anuais.
Programación conmemorativa
Tal e como sinalou Sutil, con esta ollada especial cara á figura de María Casares, a gala incorpórase tamén á serie de actividades conmemorativas do seu centenario, que a Xunta promove en colaboración con diferentes entidades. Trátase dun amplo programa, que se está a desenvolver durante todo o ano, tanto en Galicia como fóra, a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes.
“Algunhas delas podémolas gozar estes días, como son a exposición itinerante 100% María Casares. O teatro é o refuxio, a mostra da Cidade da Cultura de Galicia María Casares-Pedro Soler. Colliure 1989, o ciclo de conferencias que acolle o Museo de Belas Artes da Coruña ou, mesmamente, outro dos proxectos que compartimos coa Asociación de Actores e Actrices de Galicia no marco do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo: os documentos videográficos María Casares: voces para un centenario”, concluíu.