A Xunta reúne máis de 160 profesionais e recupera a presenza de público xeral no noveno mercado Galicia Escena PRO

  O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, presenta a programación que se desenvolverá en Santiago de Compostela do 6 ao 9 de xuño baixo a organización compartida entre a Consellería de Cultura e a asociación Escena Galega

  O encontro difundirá 30 títulos galegos de teatro, danza e artes do movemento, dos que 18 se exhibirán como espectáculos completos e 12 se darán a coñecer diante do sector en presentacións rápidas en formato de ‘pitching’

  Os espectadores terán acceso a gran parte das representacións, para as que se reserva un número limitado de convites que poderán retirarse na sede do encontro

A Xunta reúne máis de 160 profesionais e recupera a presenza de público xeral no noveno mercado Galicia Escena PRO
[03/06/2022]
Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta, reunirá a semana que vén en Santiago de Compostela máis de 160 profesionais do sector nunha novena edición que recuperará, ademais, o acceso para o público xeral ás representacións que terán lugar do 6 ao 9 de xuño. Así o adiantou esta mañá Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais, na presentación do evento que, por terceiro ano consecutivo, se leva a cabo baixo a organización compartida entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Asociación Escena Galega.
 
Sutil estivo acompañado por Patricia de Lorenzo, vicepresidenta de Escena Galega, e por Juan Rodríguez, integrante do equipo organizativo, para detallar os contidos desta programación, que ten como eixo central a difusión de 30 títulos galegos de teatro, danza e artes do movemento. Deles, 18 espectáculos se exhibirán en formato completo e outros 12 se compartirán exclusivamente co público profesional en presentacións breves tipo pitching. Ademais, este ano viaxa ata Santiago como convidada a formación madrileña Come y Calla co monólogo El caballero incierto, que se presenta aquí grazas ao intercambio co certame MADFeira, onde a semana que vén actuará a compañía galega A Feroz con Do pracer e da morte.
 
Impulso da compra-venda de espectáculos
Sutil destacou a decidida aposta da Xunta polo fomento do sector das artes escénicas ao lembrar que Galicia Escena Pro se articula como “un completo escaparate de espectáculos e de posibilidades de encontro profesional”, que ten como principal obxectivo favorecer a compra-venda de espectáculos escénicos galegos. Neste sentido, 56 dos profesionais acreditados este ano son responsables de programacións culturais, de circuítos e de festivais escénicos tanto do ámbito galego como do resto da Península.
 
O responsable de Industrias Culturais lembrou, así mesmo, que este ano volverá contarse coa figura dos facilitadores para propiciar e coordinar o maior número posible de reunións de traballo entre programadores e representantes de compañías, de produtoras e de distribuidoras, de xeito que a día de hoxe xa están concertadas unhas 300 xuntanzas.
 
Convites para as representacións
Entre as novidades desta novena edición, destacou tanto a recuperación da asistencia do público xeral como a incorporación dun novo apartado de mesas redondas, para que Galicia Escena PRO “sexa tamén un lugar de debate e intercambio de experiencias”. No primeiro caso, as persoas non acreditadas que desexen asistir ás representacións abertas deberán retirar previamente os convites (máximo dous por persoa) en horario de 10,00 a 13,00 h. e de 16,30 a 19,00 h. no despacho de billetes que se instalara no Centro Obra Social Abanca, sede de Galicia Escena PRO.
 
Este espazo acollerá tamén as dúas mesas redondas desta edición, a primeira das cales se centrará na relación entre educación e artes escénicas coas intervencións do director do Padroado de Cultura de Narón, Luciano Fernández; a directora artística de FETEN, Marian Osácar, e a directora do Festival elPetit-Festival Internacional d’Arts per a la primera infància, Eulàlia Ribera. A segunda versará sobre o papel das residencias artísticas e nela intervirán o director de L’Ateneu Popular 9 Barris, Javier Casado; a directora do Certamen Coreográfico de Madrid, Laura Kumin; a de Residencias Paraíso, Caterina Varela, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez.
 
Pola súa banda o Salón Teatro, o Teatro Principal, o Auditorio Abanca e o exterior da Facultade de Ciencias de Comunicación serán os escenarios para as representacións dos espectáculos, que se estenden tamén a diferentes prazas compostelás con catro montaxes de rúa. As producións que se exhibirán en pases completos con acceso ao público xeral son Desconexión de Títeres Alakrán,Cantas patas para un banco? de Cía. iO e O deus do pop de Diego Anido o luns 6; Hugo de Os Náufragos Teatro, Intempestiva de Elahood, Onde pousa a humidade de Marcia Vázquez, Amantis de Rebordelos, O péndulo de Inversa Teatro e Festina Lente de VACAburra o martes 7; A nena que vivía nunha caixa de mistos de Caramuxo Teatro, TABÚ de Colectivo Glovo, Divertimento! de N+1 & Cuarteto Alicerce, Comando Comadres de Matrioshka Teatro e Ragazzo de Barrosanta o mércores 8, e Come and Go de Helena Salgueiro, Vértigo de Pistacatro, A Familia Real de Aporía Escénica e Olivas Negras e Smoke on the water de Ibuprofeno Teatro o xoves 9.
 
-Galicia Escena PRO