Galicia Escena PRO continúa mañá con propostas para público familiar e para a reflexión social desde a danza e o teatro

  Caramuxo Teatro, Colectivo Glovo, N+1 e Cuarteto Alicerce, Matrioshka Teatro e Barrosanta representarán as súas producións nos diferentes escenarios deste evento, que reúne máis de 160 profesionais do sector ata o xoves en Santiago

  A Xunta promove a novena edición do mercado galego de artes escénicas, baixo a organización compartida coa asociación Escena Galega

Galicia Escena PRO continúa mañá con propostas para público familiar e para a reflexión social desde a danza e o teatro
[07/06/2022]
Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas promovido pola Xunta en Santiago de Compostela, chega mañá á terceira e penúltima xornada da súa novena edición. Faino cun cartel que inclúe cinco funcións de teatro e danza, ademais do concerto que a banda galega Los Jinetes del Trópico ofrecerá en exclusiva para os máis de 160 profesionais acreditados no evento que organizan conxuntamente a Axencia Galega das Industrias Culturais e a asociación Escena Galega.

Pola súa banda, o público xeral poderá acceder de xeito gratuíto ás representacións escénicas deste mércores, con espectáculos para público familiar e propostas escénicas que poñen o foco tanto no activismo social como na loita contra a desigualdade e a violencia de xénero. Para asistir, cómpre retirar os convites (máximo dous por persoa) na sede de Galicia Escena PRO, instalada no Centro Obra Social Abanca, en horario de 10,00 a 13, 00 h. e de 16,30 a 19,00 h.
 
A xornada arrancará ás 11,00 h. no Teatro Principal da man de Caramuxo Teatro, que representará A nena que vivía nunha caixa de mistos. A obra, protagonizada por Fernando Román, Juan Rodríguez e Laura Sarasola, inspírase no conto A vendedora de mistos de Andersenpara achegarlle ao público miúdo unha reflexión arredor da pobreza na infancia dende unha mensaxe positiva sobre o poder do cambio. Divertimento!, o outro espectáculo familiar programado mañá, mestura humor, creatividade e música clásicada man da compañía N+1 e o Cuarteto Alicerce. A función terá lugar ás 16,30 h. na Sala Germán Copini da Fundación SGAE.
 
Fútbol feminino e canto á vida
Dúas pezas achegaranse ao papel da muller no seo da sociedade desde perspectivas diferentes e a través de xéneros distintos. Así, ás 13,00 h. o Colectivo Glovo subirá ao escenario do Auditorio Abanca para representar TABÚ. Esta montaxe de danza contemporánea ten a súa mecha nunha foto de 1925 que retrata dous equipos femininos de fútbol: o Arnoia de Allariz e o Celanova. A partir dela, xorden as preguntas sobre quen eran esas mulleres para deitar luz sobre as vidas de moitas mulleres aínda por descubrir. Matrioshka Teatro, pola súa banda, emprega o humor en Comando Comadres para presentarlle ao público un grupo de activistas organizadas para atacar e desmontar as múltiples manifestacións da violencia sexista e cuestionar a persistencia dos seus valores na sociedade. A función será ás 18,00 h. no Salón Teatro.
 
O programa escénico deste mércores pecharase ás 20,00 h. no Teatro Principal coa nova compañía Barrosanta e Ragazzo, o seu espectáculo de debut. A obra sitúase no verán de 2001 para lembrar o impacto das reunións do G-8 sobre os dereitos da cidadanía, sobre as restricións da vida civil, sobre o activismo ou sobre as historias truncadas. Ragazzo presentase así como unha oda á mocidade e un canto á vida.
 
-Galicia Escena PRO