As longas subvencionadas pola Xunta 'Unicorn Wars' e 'Os demˇnios do meu av˘' representan a Espa˝a no festival de animaciˇn de Annecy

  O Goberno galego colabora nas accións promocionais para poñer en valor estes filmes con selo galego durante o seu paso por esta importante cita internacional, para a que ambos proxectos poderán optar tamén ás axudas para a comercialización e difusión do noso audiovisual en eventos e mercados profesionais fóra de Galicia

  O premiado Alberto Vázquez estrea este xoves a súa nova longa no marco da prestixiosa Selección Oficial do certame francés, con 10 fitas a concurso

  Xosé Zapata é un dos produtores do segundo dos filmes con selo galego nesta mostra, que se proxecta o venres dentro da competición internacional Contrechamp

As longas subvencionadas pola Xunta 'Unicorn Wars' e 'Os demˇnios do meu av˘' representan a Espa˝a no festival de animaciˇn de Annecy
[13/06/2022]
O audiovisual con selo galego desembarca esta semana no festival internacional de animación da localidade francesa de Annecy con dúas longametraxes producidas con subvención da Xunta de Galicia, Unicorn Wars e Os demónios do meu avô, que son ademais os únicos filmes españoles a concurso na 46ª edición deste prestixioso certame.

Con motivo destas importantes seleccións, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades colabora co Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovsiuais (ICAA) na organización dun evento promocional arredor destas dúas fitas, que terá lugar o vindeiro xoves 16. En ambos casos, teñen tamén á súa disposición as axudas anuais para a difusión e comercialización do noso audiovisual en eventos e mercados profesionais fóra de Galicia, que o Goberno galego convocará proximamente para cofinanciar os gastos derivados da presenza do noso audiovisual en destacadas citas do circuíto internacional.
 
Coprodución con País Vasco e Francia
O premiado realizador e ilustrador coruñés Alberto Vázquez é o director de Unicorn Wars, título co que logrou unha das 10 prazas na Selección Oficial de Annecy, onde terá a súa estrea mundial este xoves. A compañía galega Abano Films resultou adxudicataria dunha axuda da Xunta de preto de 260.000 euros a través da convocatoria de 2020 para levar a cabo esta coprodución xunto coa vasca Uniko Estudio Creativo e as francesas Autour de Minuit, Schmuby e Panique! A súa estrea comercial nas salas españolas está prevista para o vindeiro mes de outubro.
 
Con ela, Alberto Vázquez consolídase como un dos grandes nomes da animación española e internacional, despois dos éxitos obtidos con Psiconautas, filme co que gañou o Goya á mellor longametraxe de animación, e coas súas aclamadas curtas Birdboy, Decorado ou Homeless Home, esta última galardoada hai dous anos en Annecy co premio especial do xurado. Neste mesmo certame estivo tamén o ano pasado para participar no Feature Work in Progress cun avance da longa que estrea esta semana e que, xa entón, espertou unha gran expectación.
 
A trama de Unicorn Wars leva a unha nova dimensión o prolongado enfrontamento entre as coñecidas personaxes de Alberto Vázquez, os Osos de Peluche e os Unicornious, no universo de fantasía que xa se avanzaba en Decorado.
 
Competición Contrechamp
Pola súa banda, o produtor galego Xosé Zapata, recente gañador do Goya á mellor curta de animación con The Monkey, é un dos responsables de Os demónios do meu avô, que se estrea o venres 17 dentro da competición internacional Contrechamp de Annecy.
 
O cineasta luso Nuno Beato dirixe esta coprodución de Caretos Films, subvencionada con máis de 250.000 euros por parte da Xunta e na que tamén participan Sardinha em Lata (Portugal) e Marmitafilms (Francia). Dotado tamén dun importante compoñente fantástico, este traballo conxuga técnicas en 2D e 3D para narrar o regreso dunha muller nova á aldea so seu avó, xa falecido, co obxectivo de emendar os erros que este cometera en vida.

Ambas longametraxes integran, ademais, a edición de 2022 do catálogo Films from Galicia, que a Axencia Galega das Industrias Culturais publica cada ano para contribuír á promoción internacional da máis recente produción galega para cinema e televisión, así como para poñer en valor a súa calidade artística e técnica.