A Xunta contribúe á difusión da música de Frei Rosendo Salvado cun concerto da pianista Andrea González no CGAC

  A artista tudense actúa mañá en Santiago de Compostela no marco da xira de presentación do seu disco Salvado-Piano Works

  O álbum, publicado por Warner Music, contou co apoio económico da Xunta a través da convocatoria de 2020 ao fomento e promoción do talento musical galego

A Xunta contribúe á difusión da música de Frei Rosendo Salvado cun concerto da pianista Andrea González no CGAC
[15/06/2022]
 A pianista tudense Andrea González ofrecerá mañá en Santiago de Compostela un concerto de presentación do seu disco Salvado-Piano Works, un álbum editado por Warner Music que contou co apoio da Xunta de Galicia e no que se recuperan seis pezas compostas por frei Rosendo Salvado no século XIX. O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e mais o da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, reuníronse hoxe coa artista e xestora cultural para coñecer o traballo de difusión que está a realizar sobre a obra do relixioso beneditino no marco da xira que discorre por distintos escenarios galegos e no Teatro Real de Madrid.
 

O concerto, de entrada libre, terá lugar ás 20.00 horas no auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e chega despois dos xa realizados en Tui, vila natal de González e de Salvado, Madrid e A Coruña. A capital de España volverá acoller este proxecto os  vindeiros 18 e 20 de xuño. A primeira destas actuacións terá lugar no emblemático Teatro Real e como parte do festival Piano City Madrid.
 
A difusión do disco, publicado en formato CD e DVD o pasado 29 de abril, está a supoñer a posta en valor da figura e do legado musical do monxe Rosendo Salvado, considerado o primeiro intérprete de piano en Australia, a través das pezas que foron recuperadas pola propia Andrea González a partir dun traballo de investigación iniciado en 2014.  Colabora no proxecto a soprano Leonor Bonilla, que interpreta a última das composicións incorporadas ao álbum, descuberta en Italia en 2020.
 
O traballo, que foi adxudicatario dunha subvención en 2020 por parte da Xunta de Galicia ao fomento e difusión do talento audiovisual galego, conta ademais coa participación de Eugenio Muñoz, referente da industria musical española e produtor de artistas como Rosendo, Estopa, Hombres G ou Joan Manuel Serrat, e coa colaboración da deseñadora Ágatha Ruiz de la Prada.