A Filmoteca de Galicia estrea en Santiago os catro filmes de 'Cinema en curso' realizados por preto de 90 estudantes de Primaria e Secundaria

  O Salón Teatro recibiu o alumnado dos CEIP Tenorio de Cerdedo-Cotobade e A Rúa de Cangas, do CPI O Cruce de Cerceda e do IES O Mosteirón de Sada para presentar as fitas que rodaron xunto aos cineastas Ángel Santos, Xacio Baño e Otto Roca

  A Xunta promove a edición galega desta iniciativa internacional no marco do Plan Proxecta + para a innovación educativa

A Filmoteca de Galicia estrea en Santiago os catro filmes de 'Cinema en curso' realizados por preto de 90 estudantes de Primaria e Secundaria
[17/06/2022]
O Salón Teatro de Santiago recibiu os preto de 90 alumnos dos catro centros de Primaria e Secundaria que participaron na edición 2021-2022 do programa Cinema en curso para a estrea das pezas audiovisuais que realizaron xunto aos cineastas Ángel Santos, Xacio Baño e Otto Roca. A Xunta promove o desenvolvemento na nosa Comunidade desta iniciativa pedagóxica internacional a través da Filmoteca de Galicia e no marco do Plan Proxecta + para a innovación educativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades.
 
O alumnado dos CEIP de Tenorio en Cerdedo-Cotobade e A Rúa de Cangas, na provincia de Pontevedra, e do CPI O Cruce de Cerceda e do IES O Mosteirón de Sada, na da Coruña, foron recibidos, xunto aos seus profesores, por Dolores Meijomín, coordinadora de Política Audiovisual da Axencia Galega das Industrias Culturais; Mónica García, da Filmoteca de Galicia e coordinadora de Cinema en curso en Galicia; e Nuria Aidelman e Laia Collel, da asociación A Bao A Qu e directoras deste proxecto internacional, que vai xa pola súa 17ª edición coa implicación de centros de Cataluña, Comunidade Valenciana, Madrid, País Vasco, Alemaña, Chile e México.
 
Pezas documentais
Asistiron, así mesmo, os tres realizadores que traballaron cos estudantes nestas catro pezas documentais, que parten da investigación sobre a contorna máis próxima e a súa posta en valor para, a través do cine, aprender a mirar e a apreciar a realidade doutro xeito. Cada un dos grupos levou a cabo a súa propia produción cinematográfica, rotando tanto nas funcións artísticas como nas técnicas.
 
Ángel Santos acompañou neste proceso creativo os 28 estudantes de 6º de Primaria do CEIP de Tenorio e os 23 do mesmo curso do CEIP A Rúa que participaron este ano en Cinema en curso. O alumnado de Cerdedo-Cotobade filmou Entre camiños como un retrato da vila de Tenorio e do día a día das súas xentes, desde o amencer ata o solpor, deténdose así mesmo nos principais oficios da zona.
 
Pola súa banda, os estudantes de Cangas presentaron Mar de baixura, unha fita sobre este tipo de pesca no porto do Morrazo, na que seguen os mariñeiros desde que saen a faenar ata a descarga do peixe e a súa venda na lonxa.
 
No caso do CPI O Cruce de Cerceda, o director Xacio Baño colaborou con 16 alumnos de 2º da ESO e cos seus profesores na rodaxe de Ata pronto, adeus. A emigración é o tema central desta peza a través das vivencias dos avós que marcharon hai anos deste municipio coruñés na procura dun porvir mellor e dos novos veciños que chegan agora á vila para construír o seu futuro.
 
Por último, Otto Roca traballou canda 22 rapazas e rapaces de 4º da ESO do Mosteirón, en Sada, no documental Da madeira ao mar sobre a carpintaría de ribeira do porto de Lorbé, unha das últimas de Galicia. Na súa fita, retratan todo o proceso de construción dun barco de madeira, ademais da actividade xeral do propio porto.    
 
A través destes enlaces, pódese acceder aos diarios de rodaxe dos catro filmes:
- CEIP de Tenorio (Cerdedo-Cotobade)
- CPI O Cruce (Cerceda)
- CEIP A Rúa (Cangas)
- IES O Mosteirón (Sada)