'Operaciˇn Marea Negra' inicia hoxe a rodaxe en Galicia da s˙a segunda temporada co impulso do Hub Audiovisual da Xunta

  O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades asina a adxudicación de 350.000 euros a Ficción Producciones no marco da segunda convocatoria do fondo autonómico para a atracción de rodaxes, que implicará un gasto estimado na nosa Comunidade duns 5MÇ

  A filmación da miniserie, que arranca hoxe na localidade ribeirense de Palmeira, estenderase durante 10 semanas por distintas localizacións da ría de Arousa e da área compostelá, ademais de gravar tamén en Portugal

  Dáselle continuidade a esta coprodución galego-portuguesa para Prime Video, que xa contara con subvención do Goberno galego para a súa primeira parte a través da convocatoria para producións e coproducións audiovisuais

'Operaciˇn Marea Negra' inicia hoxe a rodaxe en Galicia da s˙a segunda temporada co impulso do Hub Audiovisual da Xunta
[20/06/2022]
O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asinou a adxudicación de 350.000 euros a Ficción Producións para a filmación en Galicia da segunda temporada da miniserie Operación Marea Negra, que arranca hoxe mesmo na localidade ribeirense de Palmeira. A produtora compostelá convértese así na primeira beneficiaria da segunda quenda do fondo para a atracción de rodaxes do Hub Audiovisual da Industria Cultural, un dos grandes programas culturais da Xunta para o trienio 2021-2023.
 
Esta liña de axudas busca actuar como incentivo para converter Galicia nun escenario habitual de producións cinematográficas e televisivas, de xeito que a raíz da súa primeira convocatoria en setembro de 2021 se impulsou a gravación en diferentes localizacións galegas das series Rapa e Argonautas de Portocabo, Hasta el cielo de Vaca Net TV e do filme 13 exorcismos, de Bambú Producciones.
 
Compromiso de gasto na Comunidade
A concesión destas subvencións para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais que favorezan a recuperación económica do sector leva aparellado un compromiso de gasto mínimo en Galicia por parte das beneficiarias, cun importante retorno económico nas áreas nas que se levan a cabo as rodaxes. No caso de Operación Marea Negra 2, o gasto estimado na nosa Comunidade elévase ata os 5 millóns de euros.
 
O equipo desenvolverá os traballos de gravación dos cinco episodios desta temporada ao longo de 12 semanas, das que 10 terán lugar en diferentes localizacións da ría de Arousa e da área compostelá e outras dúas en Portugal.
Con este proxecto, dáselle continuidade á miniserie estreada por Amazon Prime a finais do pasado mes de xaneiro sobre o caso real do primeiro narcosubmarino interceptado en Europa, un semisumerxible de construción artesanal que en 2019 atravesou o Atlántico con tres toneladas de cocaína no seu interior e finalmente foi apresado na ría de Aldán. Esa primeira temporada contou tamén cunha subvención da Xunta de máis de 250.000 euros, nese caso a través da convocatoria de 2021 para producións e coproducións audiovisuais.
 
Desta volta, Ficción Producciones asóciase coa compañía portuguesa Lightbox Comunicaçao Audiovisual para coproducir esta segunda temporada, na que Mamen Quintas e Julio Casal repiten como produtores executivos e Daniel Calparsoro regresa á dirección, acompañado por Igor Legarreta.
 
Jorge López, coñecido do gran público polas súas interpretacións nas series Élite e Now and Then, encarnará o papel protagonista de Operación Marea Negra 2, que conta tamén con outras novas incorporacións como Óscar Jaenada, Esther Acebo, Soraia Chaves e Patricia Vico ou o galego Miguel de Lira. Ademais, volverase contar con gran parte do reparto da temporada pasada, entre o que se atopan os tamén galegos Xosé Barato, Nerea Barros, Miquel Insua, Luis Zahera ou Manuel Manquiña.
 
Recuperación do sector
As subvencións para o fomento e a promoción de rodaxes audiovisuais en Galicia son unha das seis liñas de axuda convocadas ata o momento pola Xunta ao abeiro do Hub Audiovisual da Industria Cultural, programa de apoio sen precedentes para o conxunto do sector que busca acelerar a recuperación e garantir a estabilidade dos profesionais desta industria en Galicia. Cóntase para tal fin cun orzamento de 9,6 millóns de euros durante o período 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE do Programa Operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.