Novas
A Xunta colabora coa Fundación SGAE na celebración do Día da Música con Caamaño & Ameixeiras, Momboi e Coolnenas DJ



[20/06/2022]
A terraza da sede da Fundación SGAE en Santiago de Compostela será na tarde de mañá o escenario da segunda edición do festival Acento, que conta co apoio da Xunta de Galicia para a conmemoración do Día Europeo da Música cunha mostra da gran variedade que ofrece a escena musical galega actual da man de Caamaño & Ameixeiras, Momboi e Coolnenas DJ.O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, interveu hoxe na presentación do cartel xunto aos representantes da organización, aos que felicitou pola continuidade desta iniciativa para a posta en valor a música galega e en galego. Este ano, ademais, o evento insírese nas actividades conmemorativas do 25º aniversario da Fundación SGAE.
Sutil enmarcou a colaboración da Xunta con este festival no obxectivo compartido coa devandita Fundación a prol da promoción da cultura e nomeadamente da música, dentro do que tamén encaixan outras iniciativas apoiadas polo Goberno galego. Así, no marco da celebración do Xacobeo 21-22, a SGAE e a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades manteñen unha playlist en redes sociais para a difusión de 2022 temas de música de artistas galegos, especialmente dirixida aos peregrinos e demais visitantes na nosa Comunidade.
Folk, fusión e baile
A segunda edición de Acento, de entrada libre desde o parque Vista Alegre de Santiago, dará comezo ás 19,30 h. de mañá coa actuación do dúo Caamaño & Ameixeiras, exemplo da renovación da música de raíz. O seu disco Aire! foi recoñecido co Premio Martín Códax da Música 2021 na categoría de folk e co primeiro premio no Folkez Blai de Ermua (País Vasco) o mesmo ano.
A fusión popular de Momboi soará na terraza da SGAE a partir das 20,30 h. coa súa mestura de folk, rock, ritmos latinos e tradición galega. O grupo acaba de publicar o seu primeiro disco de longa duración baixo o título Vacacións en Ornanda.
Pechará esta celebración a sesión que ofrecerá ás 21,30 h. Coolnenas DJ, desta volta en formato dúo coa viguesa Dani, quen está a ter un gran éxito con Vinte, o seu primeiro disco, e a lanzaroteña Kimberley Tell.
-Fundación SGAE