A Xunta acorda co sector as medidas que desenvolverá o Plan Integral para a Danza de Galicia

  A Cidade da Cultura acolleu a última reunión da mesa da coordinación desta iniciativa do Goberno galego, da que resultou un documento base cara á redacción e aplicación das actuacións de mellora neste ámbito artístico

  O texto sinala como prioridades o impulso á programación de danza, o fomento das residencias artísticas, unha maior profesionalización, o apoio ao talento emerxente ou a revisión das convocatorias de subvencións e coproducións, entre outras

  Ábrese agora unha nova fase na que se constituirán grupos de traballo específicos para abordar cada unha destas propostas

A Xunta acorda co sector as medidas que desenvolverá o Plan Integral para a Danza de Galicia
[21/06/2022]
A Cidade da Cultura de Galicia acolleu a última xuntanza da mesa de coordinación do Plan Integral para a Danza de Galicia, na que se consensuou un documento de propostas prioritarias que servirá de base cara á súa redacción e posterior aplicación. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades impulsou a posta en marcha deste proceso colaborativo e transparente mediante o seu departamento de Industrias Culturais, que comezou cunha convocatoria pública para a  participación cidadá a través da que se recibiron achegas de máis dun cento de axentes culturais e profesionais da danza.

Estas contribucións foron o punto de partida para o labor da mesa de coordinación do Plan na que, ademais da Axencia Galega das Industrias Culturais, estiveron representadas as principais asociacións do sector da danza e as artes do movemento en Galicia (Escena Galega, Colectivo Rescat-Arte, Plataforma Artes do Movemento e Plataforma da Danza Galega), así como salas de artes escénicas, festivais e responsables de programación.
 
Obxectivos consensuados
O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil conduciu esta última reunión, na que se consensuou un documento coas prioridades para o sector, que foron identificadas e votadas polos diferentes colectivos participantes nas sesións de traballo previas. Deste xeito, todos os membros coincidiron en sinalar entre os obxectivos que debe desenvolver o Plan Integral para a Danza o impulso da exhibición desta disciplina nos escenarios galegos e o desenvolvemento de programas de residencias artísticas, nas súas diversas tipoloxías, así como a revisión das bases das convocatorias de subvencións e de coproducións ou a ampliación dos obxectivos do Centro Coreográfico Galego cara a intensificar as colaboracións nacionais e internacionais.
 
Tamén se inclúen neste documento base outras propostas destinadas a lograr unha maior profesionalización do sector, á visibilización das actividades no rural, ao fomento da heteroxeneidade de linguaxes, ao apoio do talento emerxente ou á creación de actividades de mediación, xunto con outras encamiñadas a lograr unha maior difusión da danza e as artes do movemento nos medios de comunicación ou a reactivación da campaña de declaración do baile tradicional galego como Ben de Interese Cultural.
 
A partir deste momento, iníciase unha nova fase na que estas propostas se clasificarán en liñas e obxectivos estratéxicos, constituíndose grupos de traballo específicos para abordar cada unha delas, sempre en diálogo co sector e baixo a revisión periódica da evolución do proceso. O obxectivo final é a redacción do Plan que marcará o desenvolvemento e execución ao longo dos vindeiros anos destas medidas de mellora por parte do Goberno galego.