A Xunta contribúe á difusión da recente produción escénica galega co apoio á 44ª edición da Mostra de Teatro de Cariño

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou na presentación do programa desta edición, que se desenvolverá do 12 ao 19 de agosto

  O evento atópase entre os subvencionados a través da convocatoria para festivais de artes escénicas, que distribúe 200.000 euros entre 13 citas de toda Galicia

A Xunta contribúe á difusión da recente produción escénica galega co apoio á 44ª edición da Mostra de Teatro de Cariño
[28/06/2022]
A Mostra de Teatro Galego de Cariño chega este verán á súa 44ª edición a prol da difusión dos espectáculos producidos en Galicia, tarefa na que volve contar co apoio económico da Xunta. De novo este ano, o certame cariñés atópase entre os festivais de artes escénicas subvencionados pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que acaba de adxudicar 200.000 euros en axudas a 13 eventos de toda Galicia.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da programación que a mostra desenvolverá do 12 ao 19 de agosto, onde sinalou que a de Cariño se atopa por dereito propio entre as citas ineludibles dentro do ciclo anual de festivais escénicos que se celebran na nosa Comunidade, ao tempo que incidiu na súa especialización como escaparate da recente produción teatral galega.
 
“Cariño, xunto co Carballiño, conforma o núcleo de difusión do noso teatro máis xenuíno, cunha traxectoria de entrega a este obxectivo de xa varias décadas e asumindo, ademais, uns formatos que poñen en valor os espectáculos teatrais como alternativa de ocio familiar tanto para os seus habitantes como para os moitos visitantes que recibe no mes de agosto”, continuou.
 
Propostas para público familiar
Neste sentido, o responsable de Industrias Culturais da Xunta destacou a clara tendencia descrita polo certame nas súas últimas edicións na súa aposta cada vez maior por propostas de animación de rúa e de teatro para público familiar. Así, en Cariño haberá unha ampla representación deste tipo de montaxes da man de Fantoches Baj con O folión do zampón, Teatro dos Ghazafelhos con As minas do Rei Salomón, Troula Animación con Circo Krasnovarak, Caramuxo Teatrocon A nena que vivía nunha caixa de mistos, Culturactiva com Rosalía, Tanxarina com A cazola de Lola, Elefante Elegante con Cubo e Teatro del Andamio con A nova historia da cigarra e a hormiga.
 
Xunto a estes títulos, o responsable de Industrias Culturais da Xunta destacou tamén a presenza nesta 44ª edición da mostra doutras propostas galegas que están a colleitar moitos éxitos, tamén fóra da nosa Comunidade. É o caso de As que limpan, coa que A Panadaría se atopa inmersa nunha intensa xira española que incluíu unha estadía no Teatro María Guerrero de Madrid, ou deCigarreiras, de Contraproducións, que vén de obter os premios a mellor espectáculo e dirección escénica na última edición dos María Casares de teatro e que a compañía representou xa en numeroso escenarios españoles.
 
A carteleira galega complétase con Despois das ondas de Butaca Zero, Smoke on the water de Ibuprofeno Teatro e Morte accidental dun anarquista de Talía Teatro, así como coas propostas musicais de La Quinkillada e a Banda do Verán.
 
Ademais, haberá representación foránea coas formacións Planeta Trampolí, Cirque Entre Nous e Paulo Maestro & Constance Hurlé, así como un obradoiro de creación escénica a cargo de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso, que dará comezo o 10 de agosto e para o que o prazo de inscrición estará aberto a partir do 26 de xullo.
 
Como en anos anteriores, o Auditorio Municipal será o epicentro da actividade, que se estenderá tamén a diferentes localizacións ao aire libre.

-Mostra de Teatro Galego de Cariño