A Xunta apoia a novena edición dos Premios Martín Códax da Música para contribuír á difusión e recoñecemento dos profesionais galegos do sector

  A asociación Músicas Ao Vivo presentou os galardóns no Salón Teatro de Santiago, onde anunciou a creación de dúas novas categorías extraordinarias e a apertura do prazo de inscrición de proxectos entre o 11 e o 31 de xullo

  O responsable de Industrias Culturais da Xunta participou na presentación da nova convocatoria, cuxa gala de entrega se celebrará o 5 de outubro en Pontevedra

A Xunta apoia a novena edición dos Premios Martín Códax da Música para contribuír á difusión e recoñecemento dos profesionais galegos do sector
[04/07/2022]
A asociación Músicas ao Vivo presentou esta mañá a novena edición dos Premios Martín Códax da Música, para a que volve contar un ano máis co apoio económico da Xunta de Galicia. A organización dos galardóns anunciou, ademais, a apertura do prazo de inscrición -que se estenderá entre o 11 e o 31 de xullo- e mudanzas na relación de categorías, así como a creación neste 2022 de dous apartados extraordinarios: Artista do Ano e Artista Emerxente.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou no acto, que tivo lugar no Salón Teatro de Santiago de Compostela, xunto á secretaria e á vogal de Músicas ao Vivo, Natasia Zürcher e Marga Ramos, respectivamente, e que contou tamén coa representación de Bodegas Martín Códax e doutras institucións patrocinadoras.
 
Na súa intervención, Jacobo Sutil lembrou a “decidida aposta da Xunta de Galicia pola celebración continuada destes premios” que desde o seu nacemento contribúen tanto “á proxección de carreiras individuais e de proxectos empresariais do sector” coma ao recoñecemento de “todos os estilos, variedades, artistas e proxectos que conforman o rico panorama musical galego”.  
 
Salientou tamén que nesta novena edición dos premios se recoñecerán de forma implícita, igual que nas dúas convocatorias anteriores, “os esforzos extraordinarios, individuais e colectivos” dos profesionais dun sector que padeceu de forma drástica as dificultades impostas pola crise sanitaria. Así, o responsable de Industrias Culturais da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades lembrou que a Xunta atopou en Músicas ao Vivo “unha interlocutora eficaz” para impulsar “moitas das nosas iniciativas para facerlle fronte á pandemia”. Neste senso, destacou as distintas liñas de axuda específicas, a adaptación do circuíto Directos Xacobeo en Salas, a posta en marcha do ciclo Músicas en Salas ou as achegas que a entidade organizadora dos Premios Martín Códax fixo para FEST Galicia ou para a reactivación da Rede Galega de Música ao Vivo.
 
Novidades nas categorías
Os Premios Martín Códax, como gran escaparate de difusión da música galega, entregarán nesta novena edición 22 galardóns ao reformularen as súas categorías —que pasan de dezasete a dezaseis, xa que se fusionan os apartados de ‘Músicas do Mundo’ e ‘Reggae, Ska e Mestizaxe’—e ao recuperarse a normal competición tras dous anos de pandemia dos tres Premios Organistrum, que recoñecen o labor de festivais, salas e medios de comunicación. A estes galardóns cómpre sumarlles o honorífico, co que cada ano se distingue unha persoa vinculada ao sector musical cunha traxectoria referente para as novas xeracións, e a incorporación de dous novos: Artista do Ano e Artista Emerxente.
 
Coa posta en marcha do primeiro destes galardóns extraordinarios, Músicas ao Vivo procura abrir o certame á participación do público xeral e incidir na expansión de proxectos musicais. No caso do premio Artista Emerxente, búscase darlles pulo a artistas cunha carreira incipiente con menos de tres anos en activo, cun máximo dun disco editado e que nunca antes participasen como finalistas nos Premios Martín Códax.      
 
A gala de entrega dos Premios Martín Códax da Música celebrarase o 5 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Tres semanas antes, o 14 de setembro, darase a coñecer a relación de proxectos finalistas en cada categoría, que será decidida por un xurado profesional. Finalmente, o corpo asociativo de Músicas ao Vivo encargarase de proclamar as persoas e proxectos vencedores de cada un dos premios coas súas votacións, que se desenvolverán entre o 15 de setembro e o 2 de outubro.

-Web dos PMCMV

-Web de Músicas ao Vivo