A Xunta ofrece ata decembro 201 funcións e concertos nos escenarios de 37 concellos membros da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  O circuíto de exhibición de espectáculos coordinado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades promove máis de 500 actuacións de 181 formacións artísticas en todo o ano

  O orzamento anual para o desenvolvemento deste programa, cofinanciado coas entidades locais adheridas, supera os 1,8 millóns de euros

  A programación semestral iníciase esta noite en Foz coa compañía Píscore e o seu 'Concerto Con Fusión'

A Xunta ofrece ata decembro 201 funcións e concertos nos escenarios de 37 concellos membros da Rede Galega de Teatros e Auditorios
[12/07/2022]
A Rede Galega de Teatros e Auditorios pon en marcha hoxe a súa programación para o segundo semestre, durante o cal se celebrarán 201 actuacións escénicas e concertos nos 37 concellos adheridos a este circuíto de distribución de espectáculos que promove e coordina a Xunta. Deste xeito, superaranse no cómputo anual as 500 actuacións de teatro, maxia, danza, circo e música que ofrecerán 181 formacións artísticas no 2022 ao abeiro desta rede cofinanciada coas entidades locais asociadas, para o que se dispón dun orzamento global que supera os 1,8 millóns de euros.   


Esta nova quenda de programación implicará a contratación de 90 colectivos creadores, dos cales 75 pertencen ao ámbito da escena e os 15 restantes, ao mundo da música. Varias compañías verán incorporados os seus espectáculos no cartel definitivo que a Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrecerá ata final de ano a raíz da súa participación na última edición de Galicia Escena PRO, o mercado galego de artes escénicas organizado de forma conxunta pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a asociación Escena Galega. A este encontro profesional asistiron 56 responsables de festivais escénicos, de circuítos e de programacións culturais municipais, gran parte deles adheridos á Rede Galega de Teatros e Auditorios.
 
O cartel semestral arrincará esta mesma noite en Foz da man da compañía Píscore, que ofrecerá ás 21,00 h. no patio do Colexio nº1 a súa obra escénico-musical para o público familiar Concerto Con Fusión. Será a primeira das 14 actuacións que programa ao longo deste segundo semestre a Sala Baía do municipio focense, que é o terceiro concello con maior número de actuacións previstas até decembro tras as 19 coas que conta o Auditorio Municipal de Vigo e as 18 que ofrecerá A Coruña nos seus escenarios do Fórum Metropolitano e do Teatro Rosalía Castro.
 
Máis de 100 espectáculos
De todas as formacións artísticas contratadas, a gran maioría ten a súa sede en Galicia e, por xéneros, o teatro para adultos rexistra a maior presenza no cartel ao figurar en máis da metade das actuacións. Dos 110 espectáculos que se inclúen na programación que arrinca hoxe, o que máis xirará polo circuíto de exhibición que coordina a Xunta será Morte accidental dun anarquista, obra de Talía Teatro que adapta o coñecido texto de Darío Fo. Poderase ver ata en 11 ocasións neste semestre. Pola súa banda, Galitoon ofrecerá oito actuacións coa súa peza Golulá, produción para o público familiar de técnica mixta que conxuga o teatro de actor coas marionetas de gran formato.
 
Continente María, coprodución de Ainé co Centro Dramático Galego que retrata a vida de María Casares no seu centenario, visitará sete escenarios da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Do mesmo número de representacións disporá Cigarreiras, montaxe na que Cándido Pazó adapta a novela de La Tribuna, de Pardo Bazán, e coa que Contraproducións se fixo este ano co premio María Casares ao mellor espectáculo.
 
Heredeiros da Crus, Xisco Feijoo, Pabo Sanmamed Trío ou A Banda do Verán será algúns dos grupos que ofrecerán concertos dentro deste circuíto de programación, mentres que as funcións de danza correrán a cargo de nomes como Marta Alonso Tejada, Funboa Escénica, Licenciada Sotelo ou Paula Quintas Cía. A Rede Galega de Teatros e Auditorios tamén amosará neste segundo tramo de programación espectáculos de maxia da man de artistas como Cayetano Lledó e de novo circo con formacións como Artefeito ou Hípica Celta.
 
A programación da Rede Galegas de Teatros e Auditorios sumase así a outras que xa están en marcha este verán ou que proximamente iniciarán percorrido por Galicia promovidas pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, tales como Cultura no Camiño, Danza 3, FEST Galicia ou a Rede Galega de Música ao Vivo. 
 
Toda a carteleira actualizada da Rede Galega de Teatros e Auditorios pode consultarse na web a axenda Cultura de Galicia.