O libro-memoria publicado pola Axencia de Industrias Culturais reflicte que a Xunta apoiou en 2021 con 6,5 millóns máis de 1600 actividades de 575 formacións artísticas

  A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subvencionou 505 proxectos o ano pasado a través de 15 liñas de axudas para os ámbitos profesionais do audiovisual, da música e da escena

  O departamento de Industrias Culturais recompila información, datos e fotografías para facer balance e deixar constancia da acción do Goberno galego a prol do sector

O libro-memoria publicado pola Axencia de Industrias Culturais reflicte que a Xunta apoiou en 2021 con 6,5 millóns máis de 1600 actividades de 575 formacións artísticas
[13/07/2022]
A Xunta de Galicia investiu 6,5 millóns de euros no apoio a 575 formacións artísticas ao programarlles 1052 funcións de artes escénicas e 579 concertos durante o ano 2021. Estes datos, que amosan a implicación do Goberno galego tanto no fomento como na difusión da nosa música e da nosa escena, recóllense nun libro-memoria de 2021, publicado pola Axencia Galega das Industrias Culturais para facer balance das súas liñas de acción no pasado curso. O informe lembra ademais que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades realizou achegas económicas a  505 proxectos a través das 15 liñas de axudas convocadas en 2021 para os ámbitos do audiovisual, a escena e a música.
Tal e como sinala no limiar do volume o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, as industrias culturais galegas foron quen de reinventarse e reactivarse ante “a pandemia que nos tocou vivir” ofrecendo unha ampla oferta audiovisual, escénica e musical que “contou en todo momento co apoio da Xunta”. Nesta mesma liña, recoñece “o esforzo colectivo” de empresas, profesionais e entidades que conseguiron que “a nosa industria da cultura siga”, ao apostar por facer das actividades culturais “un espazo seguro”.
 
A memoria, que ten versión dixital e impresa, conta con deseño gráfico de Fausto Isorna e reproduce fotografías das principais actividades estruturadas en tres grandes bloques: audiovisual, escena, música e transversal. Nas últimas páxinas recompila os datos obxectivos do labor desenvolvido polo departamento de Industrias Culturais ao longo de 2021, un ano especialmente complexo, sobre todo, para os profesionais dos espectáculos ao vivo por mor das consecuencias derivadas da pandemia da covid-19, ás que se contribuíu a dar resposta mediante a posta en marcha de varias canles de apoio extraordinarias e a reformulación de moitas das xa existentes. As diferentes liñas de programación da Xunta actuaron como dinamizadoras determinantes para que os ámbitos da música e da escena afrontasen as dificultades xeradas pola crise sanitaria e minimizasen as súas consecuencias.
 
Audiovisual
No ámbito concreto do audiovisual, o apoio canalizouse a través de sete liñas de apoio específicas, que beneficiaron a posta en marcha ou o desenvolvemento de 109 proxectos cun investimento total de más de 4.700.000 euros.
 
Así, polas subvencións a produción e coprodución achegáronse 2.500.000 euros a 22 títulos de cimena e televisión, nas destinadas a desenvolvemento de proxectos foron 15 as empresas e 17 os proxectos entre as que se repartiron os 300.000 euros dispostos para esta liña, e 19 a través das axudas para a promoción do talento audiovisual. Tamén tiveron subvención 14 festivais, 15 salas de cinema e outros 15 proxectos que se difundiron en foros de negocio e eventos de cine realizados fóra de Galicia. Pola súa banda, a primeira convocatoria do fondo de atracción de rodaxes do Hub audiovisual da Xunta conseguiu situar en Galicia catro filmación de tres empresas cun investimento total de 1,3 M€.
 
Récord de actuacións
O programa Cultura do Camiño foi o que maior actividade rexistrou en 2021 ao promover en 164 municipios 682 actuacións, das cales 479 foron funcións escénicas e as 203 restantes, concertos. Estas cifras bateron o récord acadado xa na edición de 2020, ano no que malia as suspensións e os adiamentos se contabilizaron 410 actuacións. A contratación de formacións artísticas tamén se incrementou, ao pasar dun ano para o outro de 160 a 197.
 
A Rede Galega de Teatros e Auditorios, que engloba corenta escenarios municipais das catro provincias, contratou 159 formacións artísticas en 2021 para ofrecerlle ao público 471 representacións escénicas e 34 concertos. Os carteis de Propulsa+Danza+Patrimonio+Paisaxe e Danza 3 facilitaron 70 e 15 funcións deste xénero escénico respectivamente, mentres que a xira de Comicamente contou con 17 funcións nas que participaron 15 artistas diferentes.
 
O ciclo Música en Salas, creado en 2021 pola Xunta para reforzar o seu apoio ás empresas e profesionais da música ao vivo, ofreceu en 19 salas de toda Galicia 134 concertos de 120 bandas. Pola súa banda, promoveuse no ámbito das orquestras e da música da verbena 208 concertos en 88 localidades, o cal permitiu a contratación de 51 formacións dun sector que se viu duramente sacudido pola pandemia.
 
Liquidez para 380 axentes
A Memoria 2021 da Axencia Galega das Industrias Culturais recompila tamén os datos referentes ás 15 liñas de subvencións coas que a Xunta de Galicia lle brindou apoio económico a 380 axentes do sector, entre empresas, entidades locais, asociacións e creadores individuais vinculados ao audiovisual, ás artes escénicas e á música. O informe detalla os 505 proxectos beneficiarios en 2021 destas subvencións da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, que sumaron unha inxección directa de 9,2 millóns de euros.
 
Esta contía, que supuxo un incremento superior ao 47% respecto ao curso anterior, púxose a disposición dos diferentes ámbitos creativos en atención as especiais necesidades económicas do sector durante a pandemia para a produción de filmes, a organización de festivais, a creación de novos espectáculos de artes escénicas, o mantemento da actividade das promotoras e das salas de música ao vivo, as xiras de formacións artísticas profesionais ou a promoción exterior da nosa cultura, entre outras propostas.
 
A implicación da Xunta de Galicia con estas industrias culturais tamén se materializou a través de 18 convenios con 22 entidades para a posta en marcha de proxectos singulares e de especial interese para a nosa cultura como son a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, o Festival Internacional de Cine de Ourense, a Feira das Industrias Culturais Culturgal, o mercado de artes escénicas Galicia Escena PRO ou os galardóns que as asociacións sectoriais entregan cada ano para poñer en valor a excelencia da nosa produción: os Premios do Audiovisual Mestre Mateo, os Premios de Teatro María Casares e os Premios Martin Códax da Música.
 
O libro-memoria 2021 está dispoñible para a súa consulta e descarga no menú de publicacións da web da Axencia Galega das Industrias Culturais.