'Música na Rúa' ofrecerá do 4 ao 7 de agosto en Escairón un cartel de 35 bandas emerxentes co apoio da Xunta a través das axudas a festivais

  O director da Axencia Galega das Industrias Culturais participa na presentación deste encontro que procura a dinamización do rural ao ofrecer unha ampla selección de grupos alternativos

  A cita do Saviñao é unha das catro novas incorporacións á relación de beneficiarias das subvencións coas que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades apoia 21 eventos musicais este ano

  Soto Asa encabeza un cartel de bandas emerxentes no que tamén figuran Abany, Sita Abellán, Chill Mafia ou os artistas locais EQX, Methone e Scairon Johanson

'Música na Rúa' ofrecerá do 4 ao 7 de agosto en Escairón un cartel de 35 bandas emerxentes co apoio da Xunta a través das axudas a festivais
[14/07/2022]
O festival Música na Rúa reunirá en Escairón 35 bandas da escena alternativa e emerxente entre o 4 e o 7 de agosto, para o que contará coa contribución económica da Xunta a través da convocatoria anual de subvencións á organización de eventos musicais de carácter profesional. A cita do Saviñao incorpórase por vez primeira á relación de beneficiarias desta liña de axudas á que a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades destina 350.000 euros este ano para apoiar 21 destes encontros.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou esta mañá nas Adegas Moure na presentación de Música na Rúa na compaña do codirector do evento, Emilio Vázquez, e a súa responsable de loxística, Lara Vázquez, así como doutros representantes de entidades colaboradoras. Na súa intervención, Sutil felicitou a organización pola súa “aposta por contribuír á dinamización do rural a través da cultura” e lembrou que os festivais constitúen “verdadeiros motores económicos e sociais” non só para a industria musical galega, senón tamén “para o turismo” e “para o desenvolvemento en todos os ámbitos” das localidades que os acollen.   
 
O representante da Xunta celebrou que Música na Rúa cumpre cos “obxectivos de difusión, calidade e profesionalidade” que o Goberno galego considera como estratéxicos na súa convocatoria anual de axudas aos festivais ao tempo que destacou “a singularidade” tanto do seu cartel coma do seu lugar de celebración.  O Fión do Saviñao, un balcón con vistas privilexiadas sobre a Ribeira Sacra, acollerá por segundo ano consecutivo o escenario polo que pasarán as 35 bandas do cartel. 
 
Orixe familiar
Música na Rúachega este ano a súa 12ª edición tras un longo proceso de crecemento, experimentación e consolidación. Este encontro musical está organizado pola Sala Avenida e naceu en 2011 polo impulso dos seus propietarios: a familia Vázquez. A avoa Pura Expósito, o seu fillo Emilio Vázquez e os seus dous netos, Lara e Manuel, implícanse na organización dun festival que xurdiu en 2011 como espazo para a difusión de bandas emerxentes e de voces da música alternativa. O encontro procura tamén revitalizar o rural a través da música e congregou xa en 2021 máis de 2000 espectadores.
 
A organización ten como obxectivo duplicar a cifra este ano grazas a catro días de concertos de  bandas e voces como Soto Asa, Rusowsky, Albany, Sita Abellán e Chill Mafia, entre outros moitos. Estes nomes do panorama alternativo e outras formacións emerxentes constitúen un cartel que procura atraer tanto o público mozo coma o veterano e no que tamén presentes os artistas locais EQX, Methone e Scairon Johanson.
 
Actividades complementarias e entradas
A programación deste XII Festival Música na Rúa complétase cunha serie de actividades paralelas que abrangue catas musicais para poñer en valor as adegas da contorna, rutas en kayak na praia fluvial da Cova, coloquios arredor da industria musical, rutas de sendeirismo para gozar das paisaxes da Ribeira Sacra ou un ciclo de cinema musical na Sala Avenida.  
 
Outra das novidades desta vindeira edición é a disposición dunha zona de campismo á beira do recinto principal do festival e moi próxima á zona de baño da praia fluvial da Cova, na espectacular paraxe do Cabo do Mundo.
 
Ata mañá venres ás 12,00 h. estará dispoñible a oferta inicial do abono polo importe de 35 euros para os catro días do festival, incluídas as actividades complementarias, na plataforma www.teuticket.com. A partir do mediodía, o prezo dos abonos incrementarase ata o 45 euros e poderanse adquirir tamén as entradas individuais, para as que haberá un tope máximo de 500 unidades.

Música na Rúa