A Xunta publica o texto do espectáculo do Centro Dramático Galego 'A peste' na colección 'O papel do teatro'

  O volume, coeditado pola Axencia Galega das Industrias Culturais e Edicións Positivas, recolle a adaptación dramática asinada por Cándido Pazó da novela de Albert Camus

A Xunta publica o texto do espectáculo do Centro Dramático Galego 'A peste' na colección 'O papel do teatro'
[15/07/2022]
A adaptación dramática asinada por Cándido Pazó da novela A peste, de Albert Camus, para o espectáculo homónimo do Centro Dramático Galego constitúe o noveno número da colección editorial O papel do teatro, coa que se lles dá difusión aos textos das montaxes propias da unidade de produción teatral da Xunta de Galicia. O volume, publicado en réxime de coedición entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades xunto á editora compostelá Positivas, preséntase nun formato de peto de máis de 150 páxinas con fotografías a cor que retratan escenas desta obra estreada no Salón Teatro en xaneiro deste ano cun elenco conformado por quince intérpretes. 

O exemplar, ademais de incluír o texto da peza, recolle artigos asinados polo director da compañía da Xunta de Galicia, Fran Núñez, e polo director da montaxe, Cándido Pazó, así como unha relación dos compoñentes tanto do equipo artístico como do técnico da produción interpretada por Nacho Castaño, Evaristo Calvo, Rebeca Montero, Miquel Insua, Casilda G. Alfaro, Tone Martínez, César Cambeiro, Xurxo Cortázar, Marcos Orsi, Salvador del Río, María Roja, Santi Romay, Paku Granxa, Carlos Sante e Luis Iglesia B.
 
Aversión teatral de Cándido Pazó ofrece unha reflexión sobre o comportamento da sociedade e mais da conduta dos individuos en situacións de crise. A través do personaxe do doutor Rieux, a peza relata os sucesos na cidade de Orán durante unha praga que asedia a urbe e empurra a súa cidadanía cara a unha estrita corentena. O texto céntrase na forma de actuar das persoas confinadas, na loita contra a enfermidade e nas diferentes vías que se atopan para a supervivencia: dende a pelexa egoísta até o esforzo comunitario.
 
Como explica Cándido Pazó no seu limiar titulad Fies e libres, a adaptación deste clásico da literatura universal do século XX “fala de nós, desde a metáfora escénica, e das actitudes individuais ante todo tipo de hecatombes colectivas; da solidariedade e do compromiso persoal como expresión modesta, pero sobranceira, do que cadaquén pode e quere dar”.  A peste pode mercarse xa a un prezo de 13,50 euros a través da Libraría Institucional da Xunta de Galicia e está tamén dispoñible nos principais puntos físicos de venda galegos.